A Xunta recibe 12 ofertas para executar novas obras na senda Pontevedra-Marín e completar a transformación integral do treito urbano da PO-546 en Estribela
Esta intervención, que suporá un investimento de máis de 405.000 euros, céntrase nunha 2ª fase de intervención en Estribela, desde o final da 1ª fase, agora en execución, ata o límite municipal
Remodelarase a sección transversal da rúa actual, ampliando os anchos das beirarrúas, cunha calzada de 3,10 metros na zona cun só carril e de 6,20 na parte con dous carrís
A Xunta impulsa a mobilidade peonil-ciclista na unión do núcleo de Marín coa cidade de Pontevedra, comunicando os puntos de interese ao longo do eixe oeste-este, como o porto, os edificios da Xunta e os centros formativos, de saúde ou deportivos
O Goberno galego completará un investimento global de case 10 M€ para transformar a antiga estrada entre Pontevedra e Marín nunha senda para a mobilidade sostible
A Xunta recibiu 12 ofertas de empresas para executar novas obras para conformar unha senda para a mobilidade sostible na estrada Pontevedra-Marín, a PO-546.
Con este contrato, que suporá un investimento de máis de 405.000 euros, executarse a segunda fase das actuacións que completarán a transformación integral do treito urbano de Estribela. O prazo de execución dos traballos é de 12 meses.
Esta nova intervención correspóndense cunha segunda fase das obras no treito comprendido entre o punto quilométrico 4+890 (o final da 1ª fase de Estribela que está agora mesmo en execución) e o quilómetro 5+060 (no límite municipal), completando o acondicionamento do treito urbano da PO-546 en Estribela, no concello de Pontevedra.
Para iso remodelarase a sección transversal da rúa actual, ampliando os anchos das beirarrúas. A calzada terá un ancho de 3,10 metros na zona cun só carril; e un ancho de 6,20 metros na parte con dous carrís, zona de aparcadoiros e carga e descarga.
Segundo o proxecto licitado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, as beirarrúas terán 2 metros de ancho, sempre que sexa posible, compostas por laxa de pedra granítica sobre capa de morteiro e sobre soleira de formigón de 15 cm de espesor.
Nos pasos de peóns e nos extremos disporanse vaos peonís con pavimento podotáctil (botóns ou direccionais) co fin de facilitar a accesibilidade.
Na intervención incluirase novo alumeado e reposición da sinalización e balizamento da zona de actuación.
A intervención incluirá a colocación de novos sumidoiros e a reposición dos servizos afectados.
A Xunta segue avanzando no impulso da conformación dunha senda para a mobilidade peonil-ciclista que conecte o núcleo poboacional de Marín coa cidade de Pontevedra, que permita comunicar os puntos de interese da cidade ao longo do eixe oeste-este, tales como o porto, os servizos administrativos da Xunta e os centros formativos, de saúde ou deportivos.
Esta 2ª fase de Estribela súmase á actuación, co proxecto xa aprobado, entre Mollabao e Os Praceres; complementándose coa xa executada no treito urbano de Marín; coa que está en execución da 1ª fase de acondicionamento en Estribela, en Pontevedra; e co proxecto para rematar os treitos urbanos de Marín.
A Xunta completará un investimento global de case 10 M€ para transformar a antiga estrada entre Pontevedra e Marín nunha verdadeira senda para a mobilidade sostible.
Esta intervención forma parte dos proxectos impulsados pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas.