A Xunta destina preto de 400.000 euros a garantir a igualdade e a erradicar a violencia de xénero da man das federacións de asociacións de mulleres rurais galegas

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, asinou convenios de colaboración con Femuro, Fademur, Femupo e Afammer Lugo para desenvolver accións de sensibilización fronte á violencia de xénero e de apoio ás vítimas

Coas tres primeiras, tamén rubricou senllos convenios para promover o acceso das mulleres maiores de 45 anos ás bolsas de coidado profesional e para impulsar a formación sobre conciliación e corresponsabilidade no marco do Plan Corresponsables
 

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, asinou esta mañá convenios de colaboración coas federacións de asociacións de mulleres rurais de Galicia co gallo de garantir a igualdade e de erradicar a violencia de xénero, que suporán por parte da Xunta unha achega de 390.000 euros en total. A conselleira aproveitou para agradecer o firme compromiso destas entidades “a prol da igualdade para facer da sociedade galega unha sociedade máis equitativa, máis tolerante e máis libre”.

Na súa intervención, Elena Rivo apuntou que o labor do “asociacionismo e do voluntariado é imprescindible e necesario para que a sociedade vaia interiorizando as mensaxes de igualdade e tolerancia cero que defendemos desde a Xunta”. Nese contexto, enmárcanse os convenios para o desenvolvemento de accións de sensibilización fronte á violencia de xénero e de apoio ás súas vítimas asinados coa Federación provincial de mulleres rurais de Ourense (Femuro), coa Federación de asociacións de mulleres rurais de Galicia (Fademur), coa Federación pola Igualdade das mulleres da provincia de Pontevedra (Femupo) e coa Federación de mulleres do rural da provincia de Lugo (Afammer Lugo). A conselleira puxo de relevo que son acordos dotados con 20.000 euros cada un que se renovan de xeito anual e, no caso de Fademur e Femuro, cúmprese xa o sexto ano de colaboración.

Por outra banda, asináronse convenios con Femuro, Fademur e Femupo para levar a cabo iniciativas no marco do Plan Corresponsables, por 100.000 euros cada un. En concreto, para impulsar a acreditación profesional da experiencia laboral dunhas mil mulleres rurais no coidado de menores de ata 16 anos, o que permitirá actualizar o censo de mulleres residentes no rural con experiencia neste ámbito. A finalidade é “promover o acceso ás bolsas de coidado profesional das mulleres maiores de 45 anos e a formación sobre conciliación e corresponsabilidade”, segundo destacou a titular de Promoción do Emprego e Igualdade.

Tras rubricar os convenios, Elena Rivo puxo de relevo que “para acadar a igualdade real e efectiva é preciso implicar a toda á sociedade” e agradeceu contar para alcanzar o obxectivo con “entidades referentes na materia” como as federacións de asociacións de mulleres rurais asinantes.

Data de actualización: 04/08/2023