A Xunta rematará neste ano o novo edificio de urxencias e PAC do Hospital de Verín tras investir case 4 M€

O conselleiro de Sanidade visita a obra que permitirá aumentar nun 10% a superficie deste hospital

Destaca a incorporación neste centro de equipamento e mobiliario por case 900.000 euros nesta lexislatura

Comesaña lembra a incorporación neste ano de 20 novos especialistas ao hospital grazas ao concurso de méritos para prazas de difícil cobertura creado pola Xunta
 

Verín (Ourense), 4 de agosto de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe que a Xunta rematará neste ano o novo edificio de urxencias e PAC do Hospital de Verín, logo de investir preto de catro millóns de euros. Así o sinalou o titular da carteira sanitaria na súa visita á obra deste centro da rede do Sergas, que permitirá aumentar nun 10% a súa superficie. Na visita, Comesaña estivo acompañado do delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, e do xerente da área sanitaria, Félix Rubial.

Serán uns novos espazos de 1.500 m2 divididos na área de urxencias e na área de PAC, e con salas de espera separadas para pacientes xerais, pacientes pediátricos e pacientes con sospeita de enfermidade contaxiosa. Espazos, ademais, con acceso propio en baixo andar e con zona diferenciada para estacionamento.

Tal e como explicou o conselleiro, en primeiro lugar remataron as actuacións que correspondían á cuberta do edificio existente, que se impermeabilizou e na que se colocaron paneis fotovoltaicos que alimentarán tanto ao antigo como ao novo edificio. Neste novo edificio, a estrutura e a cuberta están xa acabadas, e tamén a maior parte da carpintería exterior. O que se está a executar agora son obras de distribución interna, illamentos e instalacións, quedando pendente a demolición da rampla das antigas urxencias e a habilitación nesa zona de prazas de aparcamento. Deste xeito, o hospital pasará das 167 prazas de aparcamento actuais a máis de 200.

Novo material por preto de 900.000 euros e incorporación de especialistas

O máximo responsable do Sergas destacou que, nesta lexislatura, a Xunta xa incorporou o novo TAC que se instalou o ano pasado; un novo equipo radiocirúrxico; un novo sistema de anestesia; dúas lámpadas cirúrxicas e seis estacións de quirófano; ademais de ecógrafos para os servizos de urxencias, radioloxía e xinecoloxía; e unha renovación do mobiliario que supuxo substituír 40 camas, mesiñas e cadeiras de brazos de acompañante. En total, case 900.000 euros investidos neste novo equipamento para o hospital.

Na súa visita a Verín, Comesaña tamén subliñou que, neste ano, o hospital vai ter novos espazos e novos equipos, e, tamén, novos profesionais. En primeiro lugar, o pasado decembro incorporáronse 12 facultativos a través da oferta pública de emprego ordinaria do Sergas; incorporacións acadadas grazas aos incentivos que a Xunta lle dá a estas prazas, como é o feito de que o tempo traballado en hospitais comarcais puntúe o triplo en futuros concursos de traslados ou procesos selectivos. Ademais, o Sergas permite avanzar antes nos graos da carreira profesional do persoal sanitario.

Xunto ao anterior, Comesaña dixo que, este outono, incorporaranse ao hospital de Verín 20 novos especialistas con praza fixa, grazas á medida máis ambiciosa que aprobou o Executivo galego para incentivar o exercicio nos hospitais comarcais. Así, promoveuse unha Lei para ofrecer as prazas destes hospitais por concurso de méritos, sen necesidade de oposición. Esta iniciativa está a espertar o interese de moitos profesionais que queren acceder a unha praza fixa no Sergas, e agora poden conseguilo antes se veñen a Verín.

En consecuencia, este ano a Xunta terá incorporados en Verín, como mínimo dous anos, a tres novos médicos de urxencias, xunto a catro novos traumatólogos, tres novos cirurxiáns; outros tres internistas, dous pediatras, e tamén especialistas en oftalmoloxía, reumatoloxía, análises clínicas, endocrinoloxía ou enfermaría de saúde mental.

Este proceso tramítase de xeito paralelo aos concursos que, grazas a esa Lei, a Xunta convoca para as prazas de difícil cobertura en atención primaria, e que inclúen tamén este ano, dúas prazas de pediatría para o centro de saúde de Verín, e prazas de medicina de familia nos centros de saúde de Verín, A Gudiña, A Mezquita e Cualedro. Trátase do mesmo proceso que permitiu que, desde o ano pasado, haxa novos médicos de familia con praza fixa nos centros de saúde de Verín, Laza, Monterrei ou Viana do Bolo.

Compromiso cos hospitais comarcais

Segundo o conselleiro, investimentos como o realizado no Hospital de Verín remarcan a aposta que fai o Goberno galego polos hospitais comarcais. Hai xa seis anos que se aprobou a Lei de fusión das áreas sanitarias e hoxe esa normativa garante a cobertura destes centros cando teñen dificultades, grazas a contar co apoio dunha área sanitaria grande que funciona en rede, o que posibilita que o 85% da poboación galega se atope a menos de 30 minutos do seu hospital de referencia.

A Xunta segue a mellorar, pois, os hospitais comarcais, con obras nesta lexislatura nos sete comarcais que hai en Galicia, incluíndo as súas necesidades nas compras de material e tecnoloxía sanitaria que fai o Sergas, e habilitando novos mecanismos para conseguir profesionais para estes centros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/08/2023