A Xunta apoia 85 proxectos para editar materiais didácticos curriculares en lingua galega

A Consellería de Cultura resolve a convocatoria de axudas que fomentan a elaboración e publicación de recursos para nivel non universitario
 

O prazo para xustificar as subvencións concedidas remata o 30 de setembro
 

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2023

A Xunta destina 200.000 euros á edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios este 2023. Así o recolle o Diario Oficial de Galicia, que acaba de publicar a resolución pola que se conceden estas subvencións aos 85 proxectos editoriais seleccionados, pertencentes á súa vez a seis editoriais distintas con departamento de edición en Galicia: Editorial Vicens Vives, Xerme Edicións, Grupo Anaya, Baía Edicións A Coruña, Ediciones Obradoiro e Edicións Xerais de Galicia. 

O obxectivo desta convocatoria, dirixida ás empresas do sector editorial, é fomentar a elaboración e publicación de recursos didácticos curriculares en galego no ensino regrado, así como favorecer o tecido da industria editorial galega. 

O prazo para xustificar as subvencións concedidas remata o día 30 de setembro de 2023. Deste xeito, as entidades e persoas beneficiarias das axudas deberán remitirlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística, co límite da dita data, a seguinte documentación: un exemplar da obra editada ou, no caso de publicacións electrónicas, a clave de acceso a estas; unha certificación de tiraxe que, no caso dos formatos electrónicos, expresará o números de licenzas que se comercializaron; e a acreditación da existencia do correspondente depósito legal. A resolución completa con toda a información pode consultarse tamén no Portal da Lingua Galega.

Data de actualización: 05/08/2023