O conselleiro do Mar inaugurou o XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

A Xunta ultima a estratexia para salvagardar e poñer en valor o conxunto do patrimonio marítimo galego

O titular de Mar sinala que está en fase moi avanzada o Plan da Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030, composto por un centenar de medidas

Alfonso Villares destacou que o mar vai máis aló da xeración de riqueza e emprego na comunidade autónoma e forma parte da súa identidade

A Fundación Artesanía de Galicia tamén colabora nas xornadas de Culturmar con demostracións de carpintería de ribeira e unha feira de obradoiros

Sada (A Coruña), 3 de agosto de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou a decidida aposta do Goberno galego pola protección e a conservación de todo o patrimonio que rodea ao mundo do mar en Galicia. Un conxunto de bens e actividades que van moito máis alá da xeración de riqueza e emprego e que forma parte da identidade de Galicia, sinalou. Por iso, expuxo, dentro das liñas estratéxicas da Xunta está a elaboración, xa en fase moi avanzada, do Plan da Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030.   

Así o salientou no transcurso do acto de inauguración do XVI Encontro de embarcacións tradicionais de Galicia, que se celebra desde hoxe ata o 6 de agosto en Sada. Este plan parte dunha investigación e diagnose concreta e actual da situación do acervo material e inmaterial que rodea á actividade marítimo-pesqueira e tamén do diálogo con todas as partes implicadas. A través desta ferramenta deséñanse arredor de cen medidas e varios proxectos emblemáticos que teñen como fin sumar esforzos na defensa da cultura do mar e das súas xentes.  

A estratexia favorecerá a xestión integral, a posta en valor e a activación ordenada da cultura marítima, que se estende por todo o litoral galego e entre as que están as carpinterías de ribeira e as embarcacións tradicionais. Nesta liña, o titular de Mar subliñou que a actividade a carón destes buques é un exemplo máis de que en Galicia o mar abarca valores, patrimonio e un modo de vida que hai que salvagardar.

Ademais o conselleiro trasladou o apoio do Goberno galego a iniciativas como a organizada en Sada, que permiten tanto a dinamización turística como a valorización do patrimonio marítimo e fluvial. Esta actividade aumenta o grao de coñecemento e mellora a percepción da cultura das comunidades mariñeiras, pois contribúe a conservar uns barcos que forman parte da historia de Galicia e potencian o valor dos produtos pesqueiros.

O encontro conta tamén coa colaboración da Consellería de Economía, Industria e Innovación a través da Fundación Artesanía de Galicia, que na edición deste ano apoia o desenvolvemento dunha serie de demostracións de carpintería de ribeira a cargo da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari), así como unha feira de comercialización organizada pola Asociación Galega de Artesáns (AGA) na que participan 10 obradoiros de Artesanía de Galicia.

Os expositores que participan son os obradoiros de xoiería Plata Nativa (Sada), Latexo (Oleiros) e Pekena Joyas (Culleredo); o de coiro Rappa (Lugo); as Redeiras Atalaia (A Guarda) con complementos de moda elaborados a partir das técnicas tradicionais da elaboración de redes; o obradoiro Casperlota (Paderne), dedicado ao téxtil; o de talla de madeira Verdecima (Mos); Arlequina Diseño (A Coruña), dedicada ao vidro; o de estampaxe Amorote Printing Workshop (Ames) e a artesá María Raquel González Gómez (Bergondo), dedicada ao encaixe.

Encontro de embarcacións tradicionais

Estas xornadas, organizadas pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar, celébranse cada dous anos desde 1993 e retoman a actividade con normalidade despois de que a pandemia da covid-19 obrigase á cancelación da edición de 2021. Son unha oportunidade para coñecer as tipoloxías da frota de barcos tradicionais de Galicia, anteriormente dedicada á pesca e ao trasporte marítimo e unha das máis variadas en España e a Unión Europea. Este ano participan máis dun centenar de embarcacións, a maioría galegas, pero tamén de País Vasco, Cataluña e mesmo de Irlanda.

Ademais de coñecer as características das dornas, galeóns galegos, racús, chalanas, bucetas, gamelas ou traiñeiras, entre outros tipos de navíos, poderase navegar nun veleiro clásico como o Atyla ou no Joaquín Vieta, un balandro de 1916 rehabilitado no 2010 que é o barco de pasaxeiros máis antigo de Galicia e que foi construído na carpintería de ribeira do Freixo en Outes. Este foi o buque onde as autoridades fixeron hoxe un percorrido previo á inauguración. En terra, no porto de Fontán de Sada haberá concertos, presentacións de libros e exposicións e tamén actividades para o público infantil.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/08/2023