A Xunta adxudica por 795.000 euros as obras de execución do novo colector do río Sardiña en Ferrol, que culminarán o saneamento da Malata

Con esta intervención adicional complétase o saneamento da enseada da Malata, conectando a ese sistema a marxe esquerda do río

Executaranse 13 pozos e un colector xeral por gravidade, que irá pola marxe esquerda do río Sardiña, desde a ponte da estrada da Malata ata as proximidades do estadio e verterá á rede de saneamento recentemente executada

As obras levadas a cabo na Malata, cun investimento de 7,3 M€, conectaron un ámbito da cidade, onde se atopan vivendas, estadio de fútbol ou a piscina municipal, co sistema que conduce as augas residuais de Ferrol e de Narón cara á depuradora

Esta intervención enmárcase na aposta da Xunta polo saneamento da ría de Ferrol, no que investiu máis de 115 M€
 

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por 795.575 euros as obras para executar o novo colector do río Sardiña, no concello de Ferrol.

Os traballos, adxudicados á empresa Sociedad Anónima de Obras y Servicios Copasa, contarán cun prazo de execución de 6 meses.

Esta nova intervención enmárcase na aposta da Xunta polo saneamento da ría de Ferrol, no que investiu máis de 115 M€, tendo como obxectivo a execución da rede de colectores da marxe esquerda do río a culminación do saneamento da Malata.

A intervención forma parte dun convenio de colaboración co Concello que prevé un investimento global de 900.000 €, dos cales a Xunta achega o 70%.

O obxecto das obras

A nova intervención complementará as obras xa rematadas na zona da Malata, que supuxeron un investimento da entidade hidráulica da Xunta de 7,3 M€, permitindo conectar un ámbito da cidade, que ademais de vivendas inclúe o estadio de fútbol, a piscina municipal, a feira de mostras e o pavillón, co sistema de saneamento que conduce as augas residuais de Ferrol e de Narón cara á depuradora.

Durante a execución da obra evidenciouse a necesidade de desenvolver unha actuación adicional para completar o saneamento da enseada da Malata, para conectar a ese sistema a marxe esquerda do río Sardiña.

Para iso, mediante este contrato que se vén de adxudicar, executarase un colector xeral por gravidade, de 1.200 mm de diámetro e 574 metros de longo, ademais de 13 pozos, que irá pola marxe esquerda do río Sardiña, desde a ponte da estrada da Malata ata as proximidades do estadio e verterá á rede de saneamento recentemente culminada.

As obras tamén inclúen un ramal secundario, que funcionará tamén por gravidade, con 120 metros e 7 pozos estancos.

Esta actuación está cofinanciada a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos municipais de saneamento, depuración e abastecemento e continuar mellorando a calidade de vida da poboación.

Data de actualización: 03/08/2023