Incorporáronse máis de 600 novos socorristas ao rexistro autonómico desde maio, consecuencia da ampliación das vías de acceso acordada pola Xunta, Fegamp e entidades do sector

Rueda salienta que con estas incorporacións, Galicia conta na actualidade con case 4.000 socorristas acreditados, un 30 % máis que o ano pasado

O Consello da Xunta deu conta hoxe dun informe que avalía o incremento de persoas inscritas tras a entrada en vigor o pasado maio do novo Decreto polo que se regulan as condicións par ao exercicio profesional das actividades de socorrismo

A ampliación das novas vías de acceso facilítalles aos concellos unha prestación de calidade deste servizo municipal a prol da seguridade dos bañistas
 

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor a incorporación de máis de 600 novos socorristas desde o pasado mes de maio ao Rexistro profesional automómico, consecuencia da ampliación das vías de acceso ao exercicio desta actividade e que foi acordada polo Goberno galego, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as entidades profesionais do sector, e que se levou a cabo, segundo precisou, “sen descoidar a necesaria capacitación”.

Con estas máis de 600 incorporacións, o mandatario galego salientou que Galicia conta, na actualidade, con case 4.000 socorristas acreditados, 3.785, “o que supón un 30 % máis que o ano pasado”, remarcou.

Rueda lembrou que en Galicia é preciso estar inscrito no Rexistro profesional de socorristas para poder esta profesión, e para incribirse hai que cumprir unha serie de requisitos de formación e experiencia. Neste senso, defendeu que a Xunta leva anos apostando pola profesionalización deste sector para ofrecer unh servizo de calidade e con todas as garantías.

Consecuentemente, explicou que en maio deste ano entrou en vigor un novo decreto polo que se amplían as vías de acceso a est Rexistro, no que regulan as condicións para o exercicio profesional das actividades de socorrismo acuático, información e primeiros auxilios nos espazos acuáticos naturais e instalacións acuáticas de Galicia.

Das novas inscricións, máis dun cento realizáronse a través da nova vía de acceso do curso de 240 horas de formación específica en socorrismo en instalacións acuáticas e espazos acuáticos naturais. A acción formativa inclúe módulos de prevención en situacións de risco e vixilancia, de intervención e rescate, e de primeiros auxilios e actuación inicial en emerxencias, así como unha proba específica.

Xunto a esta, incluíronse como novas vías de acceso a posesión de título de Técnico en coidados auxiliares de enfermaría ou de títulos de grao medio ou superior de formación profesional que teñan socorrista dentro da súas competencias profesionais.

Ademais das novas vías de acceso, a modificación do decreto incorporou as empresas públicas e privadas como entidades autorizadas para impartir os cursos de formación continua en materia de socorrismo, sempre que figure nos seus estatutos a formación como un dos seus obxectivos e dispoñan das instalacións, profesorado e material esixido. Neste sentido, o informe recolle que desde maio xa houbo 10 solicitudes destas empresas para a formación en socorrismo de 230 alumnos.

Facilitar os concellos a contratación de persoal socorrista

A ampliación das vías de acceso busca facilitarlles aos concellos a contratación de persoal socorrista, ante as dificultades manifestadas o pasado verán para garantir a prestación dun servizo de calidade a prol da seguridade dos bañistas. Con este obxectivo, a Xunta, a Fegamp e asociacións e colectivos que traballan nese ámbito, como a Federación Galega de Salvamento e Socorrismo, Cruz Vermella, Asociación de Búsqueda e Salvamento de Galicia e Clúster Galego da Industria do Deporte e do Benestar, entre outras, consensuaron o incremento das vías de acceso e as entidades capacitadas para a formación.

A medida súmase ás que xa viña desenvolvendo a Xunta na súa aposta pola profesionalización na prestación deste servizo de competencia municipal mantendo a súa calidade. Deste xeito, o Goberno galego publicou hai un ano o decreto para regular a formación e as condicións esixibles para o desempeño das funcións de prevención e socorrismo tanto nos espazos acuáticos naturais (praias e augas interiores) como nas instalacións acuáticas (piscinas e instalacións acuáticas) de Galicia.

O novo decreto publicado en 2021 e que renova o de 2012 xa aumentaba as posibilidades de acceso ao Rexistro Profesional de Persoal Socorrista de Galicia. Por unha banda, para que o maior número de persoas poidan desenvolver a actividade de socorrismo profesionalmente en Galicia e, por outra, conseguir un número suficiente de profesionais que dean cobertura á demanda de socorristas, mantendo o nivel de cualificación e calidade na prestación dos servizos de socorrismo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/08/2023