A Xunta e a Sociedade galega de medicina intensiva colaborarán na promoción da doazón e o transplante

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o presidente de SOGAMIUC, Pablo Vidal, asinan o convenio marco de colaboración ao abeiro do que se desenvolverán programas divulgativos e de formación para impulsar o coñecemento dos mecanismos e vías para posibilitar a doazón

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2023

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), organismo dependente da Consellería de Sanidade, e a Sociedade Galega de Medicina Intensiva e Unidades Coronarias (SOGAMIUC), asinaron hoxe un convenio marco de colaboración para a colaboración no ámbito da doazón e o transplante de órganos, tecidos e células humanas. O convenio foi asinado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e polo presidente de SOGAMIUC, Pablo Vidal Cortés, nun acto ao que tamén asistiu a directora de ADOS, Marisa López García.

Tal e como se contempla na documento asinado, o obxecto deste convenio é establecer as liñas xerais que rexerán a colaboración entre ADOS e SOGAMIUC para a definición e posta en marcha de actividades de colaboración técnica, científica e docente que promovan a necesidade de coñecer e actualizar o proceso de doazón e transplante como medio para potenciar a implicación dos profesionais actuais e futuros dos servizos de medicina intensiva e unidades coronarias da nosa comunidade autónoma, especialmente naquelas iniciativas dirixidas á consecución de doazóns.

Ao abeiro deste convenio, desenvolveranse programas divulgativos e de formación para potenciar o coñecemento dos mecanismos e vías para posibilitar a doazón.

Remarcar que ADOS é o organismo responsable de coordinar a política de doazón e transplante de órganos e tecidos nos centros sanitarios galegos, así como de realizar actividades formativas tanto para o persoal sanitario como non sanitario nesta materia.

Pola súa parte, SOGAMIUC ten entre as súas funcións promover o progreso no coñecemento científico e intercambio de novos procedementos e avances técnicos da especialidade adquiridos polas distintas unidades de medicina intensiva. Ademais, as persoas pertencentes a esta sociedade desenvólvense en unidades de medicina intensiva e coronarias, tan próximas e sensibles cos requirimentos da doazón.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/08/2023