O conselleiro do Medio Rural participou este mediodía na inauguración da LXXI Festa do Albariño de Cambados

A Xunta reafirma o seu apoio ao viño galego mediante unha estratexia específica, diferentes liñas de axudas e medidas legais de impulso a este eido clave no rural

José González salientou a calidade e proxección dos viños galegos en xeral e dos da denominación de orixe Rías Baixas en particular e felicitou os viticultores, adegueiros e responsables do Consello Regulador “por manter o pulo destes viños, ano tras ano”

Puxo en valor a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, a Lei de recuperación da terra agraria ou a futura norma de calidade alimentaria como iniciativas de impulso ao sector alimentario

Recordou as diferentes liñas de axuda que xestiona a Xunta para potenciar este eido produtivo en xeral e o ámbito vitivinícola en particular

Cambados (Pontevedra), 2 de agosto de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou este mediodía na inauguración da LXXI Festa do Albariño de Cambados. Nesta cita, salientou a calidade e proxección dos viños galegos en xeral e dos da denominación de orixe (DO) Rías Baixas en particular e felicitou os viticultores, adegueiros e responsables do Consello Regulador “por manter o pulo destes viños, ano tras ano”.

Para o titular de Medio Rural, esta celebración de Cambados constitúe “un fito esencial para esta zona de produción, converténdose nunha cita de referencia no calendario de festas enoturísticas de Galicia”. Engadiu que en Galicia “somos o que somos grazas a viños coma estes, que poñen en valor as nosas variedades autóctonas”. E festas coma esta tamén confiren valor, “dándolle aos nosos viños a atención que merecen e dándoos a coñecer”, remarcou.

Nesta liña, o conselleiro lembrou que precisamente nas Catas de Galicia 2023 o acio de ouro ao mellor viño branco de Galicia foi para Abelán, da bodega Terras do Abelán, inscrita nesta denominación de orixe. Un recoñecemento que avala -destacou- a calidade dos viños desta zona.

Neste contexto, José González reafirmou a aposta da Xunta polo sector vitivinícola galego. Así, sinalou que dende o Goberno galego “queremos consolidar este eido para reafirmalo como punta de lanza do agro da nosa comunidade”. Isto, advertiu, faise mediante feitos como a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, co obxectivo de reforzar todas as dimensións deste sector: económica, territorial, turística, patrimonial e paisaxística.

Ademais, o conselleiro vinculou esta iniciativa coa Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que entre outros obxectivos persegue o de poñer en valor terreos en estado de abandono ou infrautilización, garantindo a posta en marcha de actividade agrogandeira e forestal con valor engadido que ao tempo que xera riqueza axuda a fixar poboación no rural. Neste sentido, González indicou que se trata de grandes áreas, como son os polígonos agroforestais, que buscan precisamente aumentar a base territorial de quen aposta polo rural, poñendo en valor terras produtivas de gran calidade que inciden de forma positiva na competitividade das explotacións. E citou, precisamente, que no concello veciño de Crecente está en marcha o polígono de Mandelos, dunhas 45 hectáreas, onde unha parte da súa superficie se destinará a viñedo para a DO Rías Baixas.

Lei da calidade alimentaria

En parecidos termos, o conselleiro puxo de relevo tamén a futura Lei da calidade alimentaria, que procura salvagardar a continuidade do sector primario, de forma que a calidade sexa o gran referente que sempre distingue a Galicia. A maiores, recordou as diferentes liñas de axuda que xestiona a Xunta para potenciar o sector agroalimentario galego. Achegas específicas para o sector do viño, como as destinadas a apoiar os investimentos en elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, ás que se destinaron nos últimos cinco anos máis de 13 millóns de euros para chegar a 172 beneficiarios. E tamén as axudas para a promoción do viño galego en mercados de terceiros países, que permitiron conceder 128 subvencións desde o ano 2018 por importe de 6,7 millóns de euros. De feito, lembrou González, vén de publicarse a convocatoria do ano que vén cun orzamento de 1,7 millóns de euros.  Nesta liña, tamén fixo referencia ás subvencións para a reestruturación e reconversión do viñedo, que beneficiaron nese mesmo período -dende 2018- un total de 732 viticultores, cunha partida total de case 10 millóns de euros.

Todo isto, engadiu o conselleiro, sen esquecer o constante apoio aos consellos reguladores, que se materializa en achegas para o impulso á promoción da calidade alimentaria galega nos diferentes mercados e que neste 2023 -sinalou- supoñen un total de 5,4 millóns de euros.

A maiores, puxo en valor os outros 7,6 millóns de euros de varias liñas de axudas, entre as que destacan as destinadas a apoiar o funcionamento dos consellos reguladores, as subvencións á nova participación de agricultores en réximes de calidade, as que apoian as actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior e as que reforzan os programas de control da calidade desenvolvidos por estes mesmos organismos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/08/2023