A Xunta pon en marcha un programa para previr disfuncións do solo pelviano nas mariscadoras da área sanitaria de Pontevedra e Salnés

O goberno galego presentou hoxe en Raxó un programa de intervención comunitaria do que se poderán beneficiar máis de 1.400 mariscadoras desta área

O conselleiro de Sanidade lembra que a Xunta ten creado unidades funcionais de solo pelviano en todas as áreas sanitarias

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade sinala que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia ten en conta as condicións de traballo das mariscadoras para previr enfermidades e lesións

O conselleiro do Mar subliña que o acordo pretende contribuír a mellorar a calidade de vida nunha das actividades máis feminizadas do sector marítimo-pesqueiro galego

Poio (Pontevedra), 2 de agosto de 2023

O goberno galego presentou hoxe nun acto na confraría de Raxó o programa específico de intervención comunitaria que se porá en marcha na área sanitaria de Pontevedra e Salnés para a prevención de disfuncións do solo pelviano no colectivo das mariscadoras.

Esta actuación xurde dun acordo a tres bandas entre as consellerías de Sanidade, Promoción do Emprego e Igualdade e Mar que permitirá que máis de 1.400 mariscadoras da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés se poidan beneficiar dun programa que ten como obxectivo mellorar a súa calidade de vida. 

Na presentación participaron os titulares das tres consellerías xunto co xerente da área sanitaria, José Flores, e a matrona do centro de saúde de Baltar (Sanxenxo), Dolores Rodríguez, que explicou o programa.

As accións desenvolveranse a través dun rol proactivo da intervención comunitaria dos equipos de atención primaria, en coordinación coa unidade multidisciplinar de solo pelviano da área sanitaria. A Consellería do Mar e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade encargaranse de promocionar a participación neste programa das profesionais do marisqueo, que poderán asistir a charlas e obradoiros de prevención nos que se trasladarán estratexias de prevención para un uso axeitado das ferramentas e a corrección de erros de mecánica corporal no traballo que provocan, entre outros motivos, a prevalencia de disfuncións no solo pelviano é elevada entre as mariscadoras.

Durante o acto o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou a vontade do goberno galego de impulsar o carácter proactivo do sistema sanitario público co desenvolvemento de programas de educación sanitaria e atención comunitaria que contribúan a previr a aparición de problemas de saúde.

Nese senso lembrou a aprobación a finais de xuño, no Consello da Xunta, da Estratexia Galega de Saúde Comunitaria en Atención Primaria 2023-2027 que ten o obxectivo de impulsar esa actividade de promoción da saúde, facilitando o deseño destas actividades que teñen lugar fora do centro sanitario, como sucede xa nos 43 servizos de atención primaria que teñen aprobado un plan local de saúde.

Pola súa parte, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, enmarcou o convenio de colaboración entre as tres consellerías no labor da Xunta para “dignificar o traballo das mariscadoras e mirar pola súa saúde”. Ao tempo que puxo de relevo que se trata dun “oficio feminino que forma parte do noso patrimonio cultural”, referiuse á necesidade que presenta de avanzar no relevo xeracional e na mellora das súas condicións laborais.

Nesa liña, a conselleira sinalou que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) sitúa as mariscadoras entre os seus colectivos prioritarios, con accións específicas que teñen en conta “as súas condicións de traballo para previr enfermidades e lesións”. Aproveitou para poñer de relevo que a futura Lei de igualdade regulará os dereitos das mulleres do sector marítimo-pesqueiro e daralles prioridade nas políticas de emprego. 

Pola súa banda, o conselleiro do Mar, puxo en valor a actuación conxunta dos tres departamentos da Xunta en favor das mariscadoras, que forman parte dunha das actividades fundamentais e máis feminizadas do sector marítimo-pesqueiro en Galicia, xunto coas redeiras e a industria transformadora e conserveira. Ademais, Alfonso Villares recoñeceu o duro traballo destas mulleres e a necesidade de que conten cunha atención específica en ámbitos como o do solo pelviano. O obxectivo é previr a aparición de patoloxías e acceder ao mellor dos tratamentos fronte a este tipo de problemas de saúde.

Perspectiva de xénero e unidades multidisciplinares

O conselleiro de sanidade transmitiulles tamén ás profesionais que, tras ter iniciado o proceso participativo da nova Estratexia Galega de Saúde 2023-2030, porase a saúde da muller no centro de todas as políticas sanitarias. “A Estratexia incorporará o enfoque de xénero, tanto na súa planificación e programas asistenciais como nos ámbitos de investigación”.

Como exemplo da implantación deste enfoque puxo a decisión do goberno galego de crear unidades multidisciplinares de solo pelviano nas sete áreas sanitarias, que xa están constituídas e complementan o programa específico de atención ás disfuncións do solo pelviano que se realiza na atención primaria reforzando a atención daquelas mulleres con disfuncións ou patoloxías de solo pelviano máis graves, que precisan de coidados complementarios, e facilitando unha mellor coordinación, atención, apoio e seguimento tanto no ámbito hospitalario como de atención primaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/08/2023