A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe as illas Cíes

O Parque Nacional das illas Atlánticas ofrece visitas virtuais para coñecer a flora e a fauna dos fondos mariños deste espazo natural

Ángeles Vázquez salienta que durante os primeiros sete meses de 2023 visitaron este parque máis de 272.000 persoas -un 5% máis que en 2022-, das que preto de 190.000 elixiron as illas Cíes –un 4,5% máis que o ano anterior

Explica que a exposición O mar en 360º ten como obxectivo mergullar aos visitantes nunha experiencia única que lles permita coñecer a parte máis descoñecida do parque nacional

Pon en valor o compromiso da mocidade coa conservación do medio ambiente logo de realizar una ruta guiada cos participantes no campo de traballo internacional de carácter ambiental que se desenvolverá na illa
 

Vigo, 2 de agosto de 2023 A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou hoxe nas illas Cíes a exposición O mar en 360º, unha experiencia interactiva a través da que o Parque Nacional marítimo- terrestre das Illas Atlánticas ofrece visitas virtuais para coñecer a flora e a fauna dos fondos mariños deste espazo protexido.

Logo de salientar que durante os primeiros sete meses de 2023 visitaron o parque natural máis de 272.000 persoas -un 5% máis que en 2022-, das que preto de 190.000 elixiron as illas Cíes –un 4,5% máis que o ano anterior-, a vicepresidenta segunda salientou que a exposición, que recibiu unha axuda da Xunta de 15.000 euros, ten como obxectivo “mergullar aos visitantes” nunha experiencia única que lles permita coñecer a parte máis descoñecida deste espazo natural.

Esta iniciativa, que é totalmente gratuíta, pero que require inscrición previa presencial o mesmo día da visita nas propias casetas informativas do parque, ofrece sesións diúrnas e pases nocturnos, que terán lugar nas Cíes do 3 ao 6 de agosto; en Ons, do 17 ao 20 dese mes, e en Cortegada, do 26 ao 27. Na illa de Sálvora xa tiveron lugar durante o mes de xullo.

As actividades diúrnas están pensadas para grupos de catro persoas, ás que se lles facilitarán gafas de realidade virtual ou tabletas para, segundo dixo Ángeles Vázquez, “poder gozar dunha experiencia de inmersión sen necesidade de meterse na auga”. Ese paseo virtual irá acompañado dos comentarios dunha especialista que, ademais de interpretar as imaxes en tempo real, tamén ofrecerá información sobre a riqueza, a biodiversidade e as características dos fondos mariños das illas Atlánticas.

No caso dos pases nocturnos, a dinámica será diferente xa que as imaxes submarinas, en directo ou diferido, en función das condicións meteorolóxicas, se proxectarán nunha pantalla.

Esta iniciativa foi desenvolvida pola Sociedade Cooperativa Galega 13 graos, que leva a cabo actuacións en materia de divulgación, conservación e uso sustentable dos recursos naturais, como, por exemplo, a publicación de imaxes dos fondos mariños das illas Atlánticas en Youtube.

Campo de traballo internacional de carácter ambiental

A maiores, durante a súa visita á illa, a conselleira acompañou nunha ruta guiada aos participantes no campo de traballo internacional de carácter ambiental, que se desenvolverá no Parque e que levarán a cabo, entre outras tarefas, a eliminación de especies alóctonas, a retirada de plásticos e lixo mariño na zona de praias e camiños, a concienciación sobre a preservación da contorna ou a divulgación de campañas de sostibilidade.

Logo de salientar que os mozos proceden de diferentes comunidades autónomas -Galicia, Navarra, País Vasco, Comunidade Valenciana e Cantabria- e de países como Alemaña, Xapón, Italia ou Francia, Ángeles Vázquez puxo en valor o compromiso da mocidade coa conservación do medio ambiente.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/08/2023