O delegado territorial fará todo o posible para que a base do 061 de Pontevedra conte con máis espazo útil

Agustín Reguera escoitou as necesidades dos sanitarios do 061 e intentará xestionar o traslado da documentación que actualmente se almacena no edificio.
 

O xerente da Área Sanitaria destacou que estas novas necesidades xorden a raíz dun aumento dos recursos materiais e persoais dispoñibles
 

Pontevedra, 1 de agosto de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a base do 061 de Pontevedra da man da xefa territorial de Vicepresidencia, Marta Mariño, e do xerente da Área Sanitaria, José Flores.

Alí puido revisar as instalacións e conversar con algúns dos traballadores que cada día velan pola seguridade e saúde dos veciños e veciñas da área sanitaria. Neste sentido, tanto o Xerente como varios dos alí presentes trasladaron ao delegado territorial a súa preocupación no que respecta ás necesidades de espazo dos últimos anos.

Segundo explicou Flores, o aumento dos recursos materiais e de persoal fixeron que as instalacións se queden pequenas para albergar a todos os traballadores coa comodidade adecuada. No ano 2019 chegou á base do 061 unha nova ambulancia de soporte vital avanzado que se sumou á que xa estaba en funcionamento. Isto trouxo consigo o consecuente aumento de persoal. Ademais, destacou que a base chega a formar de forma simultánea ata tres persoas entre médicos e enfermeiros, que se suman aos xa existentes.

Así, o xerente propuxo como solución a esta situación, facer unha ampliación da base, para a cal bastaría con liberar algunhas instancias do edificio que actualmente están sendo utilizadas como espazos de arquivo de diversa documentación.

O delegado da Xunta comprometeuse a contactar cos responsables para atopar unha solución o máis rápida e favorable posible: “Non é unha situación sinxela, porque son documentos que non poden ser destruídos. Temos que atopar unha nova localización, pero estamos dispostos a facer todo o posible para solucionar esta situación. Queremos que equipo do 061 poida seguir expandíndose e desempeñando o seu importante labor coas mellores condicións posibles”.

Durante a visita, o delegado e a xefa territorial tiveron a oportunidade acceder a unha das ambulancias coas que cada día operan os sanitarios do 061. Reguera aproveitou a oportunidade para agradecer a todos os alí presentes o seu labor e dedicación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/08/2023