O delegado territorial da Xunta supervisa o remate das obras de humanización do entorno da Casa Cuartel, en Esgos
Esta actuación é froito dun acordo de cooperación subscrito entre a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o concello, que supuxo un investimento total de preto de 216.000 euros, cunha aportación da Xunta de máis de 151.000 euros
Gabriel Alén sinalou que “a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda impulsou o Plan hUrbe, coa finalidade de dar resposta a un obxectivo prioritario como mellorar os equipamentos e dotacións, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizos das vilas e dos núcleos rurais da nosa comunidade autónoma”
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ata o concello de Esgos para supervisar o remate das obras de humanización do entorno da Casa Cuartel grazas a un acordo de cooperación subscrito entre a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o ente municipal e que supuxo un investimento total de preto de 216.000 euros, cunha aportación da Xunta de máis de 151.000 euros.
Despois de manter un encontro institucional na Casa do Concello con seu alcalde, Mario Rodríguez, onde despacharon as principais demandas deste municipio en relación á Administración autonómica, ámbolos dous achegáronse a contorna da Casa Cuartel para percorrer as obras executadas.
As obras consistiron na accesibilidade ás beirarrúas mantendo as cotas, colocando varandas e ampliando a largura. Así mesmo, revisouse o sumidoiro lonxitudinal da entrada do garaxe e repúxose a rega asfáltica. Tamén se levou a cabo a reorganización visual e espacial das zonas peonís e do aparcamento coas creación de zonas verdes e aparcadoiros.
O delegado territorial sinalou que “a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda impulsou o Plan hUrbe, coa finalidade de dar resposta a un obxectivo prioritario como mellorar os equipamentos e dotacións, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizos, có fin de proporcionar unha oferta de calidade e axeitada ás necesidades da poboación có fin de incrementar o atractivo das vilas e dos núcleos rurais da nosa comunidade autónoma”.
Nesta liña de traballo en colaboración cos concellos, subliñou Gabriel Alén, “dende o Goberno galego consideramos que é necesario acometer actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas, servizos e equipamentos e, en definitiva, mellorando o benestar e a calidade de vida dos seus habitantes”.