A Xunta recibe 24 ofertas para o servizo de revisión de seguridade das presas de Baiona, Eiras, O Con e Caldas de Reis, as 4 de titularidade autonómica
Este contrato, dividido en catro lotes e cun investimento global de 422.000 euros, recibiu 6 ofertas de empresas para o servizo en cada presa
Determinaranse as condicións técnicas das revisións da seguridade na presa de Baiona, que encora as augas do río Baíña, e na presa de Eiras, que encora no río Oitavén, e está situada nos concellos de Fornelos de Montes e Ponte Caldelas
Tamén se inclúe o servizo na presa do Con, que encora as augas do río Con, no municipio de Vilagarcía de Arousa; e na presa de Caldas de Reis, no río Umia
As novas Normas Técnicas de Seguridade para as presas e os seus encoros establecen a obriga de realizar a revisión xeral de seguridade das grandes presas por parte dun equipo técnico distinto ao que desenvolve a explotación
Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu un total de 24 ofertas de empresas para o servizo de revisión de seguridade das presas de Baiona, Eiras, O Con e Caldas de Reis, as catro de titularidade autonómica.
Este contrato, dividido en catro lotes e cun investimento global de 422.207 euros, recibiu 6 ofertas de empresas para a realización do servizo en cada presa. O prazo de execución que estipula o contrato é de 9 meses en cada unha destas instalacións hidráulicas.
Mediante este contrato a empresa adxudicataria definirá os traballos e fixará as condicións técnicas para levar a cabo as revisións de seguridade destas 4 grandes presas de titularidade autonómica, conforme ao recollido na normativa vixente.
O Real Decreto 264/2021, de 13 de abril, polo que foron aprobadas as novas Normas Técnicas de Seguridade para as presas e os seus encoros (NTS), establece a obriga de realizar a revisión xeral de seguridade das grandes presas.
En concreto, mediante este contrato desenvolveranse estes servizos na presa de Baiona, que encora as augas do río Baíña, e está situada no concello de Baiona; na presa de Eiras, que encora as augas do río Oitavén, e está situada nos concellos de Fornelos de Montes e Ponte Caldelas; na presa do Con, no concello de Vilagarcía de Arousa, que encora as augas do río Con; e na presa de Caldas de Reis, que encora as augas do río Umia.
O contrato
De acordo coa nova normativa, a revisión de seguridade debe realizarse por un equipo técnico especializado distinto do que desenvolve a explotación e asume a seguridade.
A empresa adxudicataria deberá revisar a documentación do arquivo técnico, realizar a inspección do estado de cada unha das presas e das súas instalacións, así como analizar o sistema de seguridade das presas e dos encoros.
Como resultado dos traballos, deberá elaborarse o documento de revisión de seguridade que incluirá, entre outros aspectos, unha descrición sucinta da presa, encoro, instalacións, accesos e elementos anexos que resulten significativos para a análise da seguridade; así como o resumo dos aspectos tratados na análise.
O servizo abrangue a elaboración das conclusións relativas á análise da seguridade da presa e do encoro segundo o establecido nos apartados anteriores; e as propostas de actuacións a desenvolver, con orzamento estimado e prazos de realización.
Ademais, este contrato deberá incluír as posibles limitacións á explotación de carácter definitivo ou provisional á espera de levar a cabo os traballos incluídos no punto anterior.