A Xunta concede máis de 9 M€ aos concellos galegos para financiar os CIM e medidas a prol da conciliación, da igualdade e contra a violencia de xénero

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da tripla convocatoria de 2023 dirixida a concellos, consorcios ou mancomunidades

Os 84 Centros de Información á Muller (CIM) despregados por Galicia recibirán preto de 4,1 millóns de euros para que continúen a dar cobertura deica o ano que vén a case 200 concellos atendendo unhas 9.500 mulleres en cada exercicio

O Plan Corresponsables permitirá a posta en marcha de medidas de conciliación e corresponsabilidade para familias con menores de 16 anos a través de 188 entidades locais beneficiarias de case 4,5 millóns

Ademais, 41 beneficiarios recibirán preto de medio millón de euros para a posta en marcha de accións no ámbito municipal para a promoción da igualdade e para a prevención e tratamento da violencia de xénero
 

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se fan públicas as subvencións concedidas este ano aos concellos galegos con tres finalidades: favorecer a igualdade entre mulleres e homes, fomentar a conciliación e a corresponsabilidade e financiar o labor dos Centros de Información á Muller (CIM) como recursos de proximidade. En total, destinaranse máis de 9 millóns de euros ás entidades locais, que podían presentar as solicitudes de xeito individual ou compartido.

A iniciativa forma parte do compromiso da Xunta de Galicia por manter o impulso da conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Tamén para traballar desde o eido local na prevención da violencia de xénero e para promover a igualdade a través dos 84 CIM xestionados polos concellos e distribuídos por toda Galicia.

Apoio á conciliación

As accións dirixidas a favorecer a conciliación e a corresponsabilidade no eido local fináncianse este ano a través do Plan Corresponsables e permitirán a posta en marcha de medidas para familias con menores de 16 anos. En concreto, hai 188 entidades locais beneficiarias dun importe próximo aos 4,5 millóns de euros. Cómpre sinalar que neste caso as axudas máximas ás que optaban as entidades locais eran de 150.000 euros no caso de solicitude individual e de ata 225.000 euros se a xestión é compartida.

Para as medidas de conciliación e corresponsabilidade deste apartado, darase prioridade aos fogares monoparentais, vítimas de violencia de xénero, desempregadas de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou a unidades familiares con outras cargas relacionadas cos coidados.

No marco desta liña apóianse, por exemplo, servizos que queiran poñer en marcha os concellos a favor da cidadanía, de coidado e conciliación profesional no domicilio ou tamén medidas de conciliación en dependencias públicas. Recibirán financiamento así mesmo as entidades locais para o deseño de plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias para promover a perspectiva de xénero e fomentar a corresponsabilidade no eido dos coidados.

Financiamento para os CIM

A segunda liña de financiamento é a dirixida a apoiar o labor dos Centros de Información á Muller (CIM) de Galicia, rede composta na actualidade por 84 oficinas que dan cobertura a case 200 concellos e atenden unha media de 9.500 mulleres cada ano. Así, o conxunto destes CIM recibirán preto de 4,1 millóns de euros co obxectivo de financiar durante este exercicio e o que vén os gastos do persoal que desenvolve nestes centros postos laborais de dirección, asesoramento, xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Neste apartado, as axudas poden ser de 45.000 euros e de ata 120.000 euros no caso de solicitudes conxuntas. Estes apoios para financiar o funcionamento dos CIM, de titularidade municipal, súmanse ás axudas que o Goberno autonómico publicou por primeira vez este ano destinadas tamén ás entidades locais, para a mellora e rehabilitación do equipamento destes centros. Trátase de poñer en valor os CIM como recurso esencial na atención integral e de proximidade ás mulleres, nomeadamente, ás vítimas da violencia de xénero. 

Loita contra a violencia de xénero

Por último, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ofrece achegas para a posta en marcha de accións, por parte dos concellos, para a promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia de xénero.

Neste caso, un total de 41 beneficiarios recibirán preto de medio millón de euros. Cabe lembrar que as entidades locais podían recibir como máximo por este concepto 15.000 euros no caso de solicitude individual e 28.000 euros se era compartida.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/08/2023