As persoas técnicas, adestradoras, xuízas e árbitras de alto nivel optarán por primeira vez a axudas económicas por importe global de 30.000 euros

Na actualidade Galicia conta con 1.009 deportistas galegos recoñecidos (381 mulleres e 628 homes). Dentro destes hai 15 técnicos/adestradores de alto nivel (catro mulleres e 11 homes), así como doce árbitras/xuízas (nove mulleres e tres homes)

Santiago, 31 de xullo de 2023

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar o anuncio da convocatoria de axudas a persoas técnicas, adestradoras e persoas xuízas, árbitras galegas de alto nivel 2023.
 

A Xunta de Galicia publicou o novo decreto de alto nivel en setembro de 2020 que recoñece as categorías de alto nivel, alto rendemento deportivo e rendemento deportivo de base en Galicia. Do mesmo recoñeceu por vez primeira as categorías de técnicos-adestradores e xuíces-árbitros, novos colectivos que se incorporan a figura do alto nivel, a través da Comisión Galega de Avaliación do Alto nivel deportivo. Agora, estas novas figuras do deporte galego de alto nivel tamén optarán ás axudas económicas da Xunta de Galicia que, neste primeiro ano, contarán cun orzamento global de 30.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días hábiles dende hoxe.

 

Na actualidade Galicia conta con 1.009 deportistas galegos recoñecidos (381 mulleres e 628 homes). Dentro destes hai 15 técnicos/adeestradores de alto nivel (catro mulleres e 11 homes), así como doce árbitras/xuízas (nove mulleres e tres homes).

 

Esta contía para as axudas das persoas técnicas, adestradoras, xuízas e árbitras súmanse á convocatoria de axudas a deportistas galegos e galegas de alto nivel, Axudas DGAN 2023, publicada o pasado 1 de xuño de 2023, para axudar á preparación e participación dos deportistas que están a buscar a súa clasificación para os Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024, así como ao resto de deportistas DGAN que tiveran o recoñecemento en vigor nalgún momento dos anos 2022 e 2023. O orzamento da convocatoria de 2023 é de 500.000 euros e neste intre están a ser valoradas as solicitudes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/07/2023