A Xunta habilita 325 prazas en campamentos e campos de voluntariado na área de Vigo coa campaña de verán 2023

A delegada da Xunta, Ana Ortiz, visitou este lunes o Centro de Educación Ambiental Kiriko no que se celebra un novo campamento para nenos de 11 a 14 anos

“Galicia volve bater todos os récords nesta campaña de verán ao ofertar 11.200 prazas en toda a comunidade, 400 máis que o ano pasado”, sinalou

Fornelos de Montes (Pontevedra), 31 de xullo de 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, destacou este luns as 325 prazas en campamentos e campos de voluntariado que o Goberno galego dispón na área de Vigo ao abeiro da campaña xuvenil O Verán Que Sempre Vas Lembrar, impulsada pola Dirección Xeral de Xuventude para o presente ano 2023.  

A representante autonómica visitou a granxa escola O Kiriko, en Fornelos de Montes, onde 45 nenos e nenas de 11 a 14 anos participan no campamento de Educación Ambiental “Kiriko Aventura”. Durante o percorrido sinalou que a Xunta supera este ano as prazas ofertadas respecto da anterior campaña.

“Galicia volve bater todos os récords nesta campaña de verán ao ofertar 11.200 prazas en toda a comunidade, 400 máis que o ano pasado, e na provincia de Pontevedra o número ronda as 2.400”, sinalou a delegada.

Ademais de Kiriko Aventura (45 prazas), esta mesma semana hai outros cinco campamentos e campos de voluntariado en funcionamento na área territorial viguesa: “Aldea Alfacuca” en Mos (15 prazas), “Ruta de Palacios” en O Porriño (15 prazas), campo “Illa de San Simón” en Redondela (15 prazas), campamento cultural “Illa de San Simón” (30 prazas) e “Zerowaste” na Residencia de Tempo Libre de Panxón (90 prazas).

Outras 100 prazas repártense nos cinco campos de voluntarios das Illas Cíes durante os meses de xullo, agosto e setembro, e por último 15 prazas máis no campo “Shinrin Yoku” de Soutomaior.

Estas actividades, habituais cada verán para favorecer a conciliación familiar e laboral e para contribuir ao desenvolvemento, a formación e o lecer da mocidade ao tempo que se lle inculcan os valores da solidariedade e o compañeirismo, comezaron a principios de xullo e prolongaranse ata ben entrado o mes de setembro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/07/2023