A Xunta remata as obras da nova senda peonil na estrada AC-240 en Touro, que amplía e dá continuidade ao itinerario entre Burres e Ponte Ulla
A intervención supuxo un investimento autonómico de preto de 58.000 euros
Executáronse tres tramos de senda na marxe esquerda da vía ao paso por Fonte Díaz e por Prevediños, que suman 400 metros lineais de novos itinerarios
Tamén se levaron a cabo actuacións de drenaxe nos treitos de Prevediños
A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica para ofrecerlles aos cidadáns unhas estradas eficientes e seguras
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras da nova senda peonil na estrada AC-240 en Touro, que amplía e dá continuidade aos itinerarios existentes entre Burres e Ponte Ulla.
Nesta intervención executáronse tres treitos de senda peonil na marxe esquerda da estrada AC-240, ao seu paso polo municipio coruñés. Construíuse un treito na contorna do punto quilométrico 22+200; outro, entre os puntos quilométricos 22+600 e o 22+805, ambos os dous en Prevediños; e o último, entre o quilómetro 13+303 e o 13+424, en Fonte Díaz.