Rueda pon en valor la renovación entre a Xunta e o Consello Oficial de Colexios Médicos de Galicia do programa Paime de atención integral ao médico enfermo

Subliña o esforzo do Goberno galego e dos médicos para consolidar e seguir a mellorar a calidade da sanidade galega e das condicións dos profesionais sanitarios

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2023

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, asinou hoxe, no Edificio Administrativo de San Caetano, o convenio de colaboración entre o Sergas e o Consello Oficial de Colexios Médicos de Galicia para o desenvolvemento do Programa de atención integral ao médico enfermo (Paime).

O acto contou co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e co presidente do Consello Galego de Colexios Médicos, Eduardo Iglesias García. Ademais, tamén estiveron presentes os presidentes dos colexios de médicos das catro provinciais galegas, Luciano Vidán Martínez, do da Coruña; Eduardo Iglesias García, do de Lugo; Pilar Garzón Guiteria, do de Ourense; e Isidro Lago Barreiro, do de Pontevedra.

O presidente da Xunta enmarcou este convenio dentro da liña de colaboración que mantén o Goberno galego cos médicos para consolidar e mellorar a calidade da sanidade pública galega e das condicións dos profesionais sanitarios.

Cómpre remarcar que a Xunta asina, desde hai máis de 15 anos, un convenio co Consello Galego de Colexios Médicos para desenvolver o Programa de Atención Integral ao Médico Enfermo. Esta iniciativa, iniciada polo Colexio Oficial de Médicos de Barcelona, e estendida posteriormente a diversos territorios españois, permite ofrecer ao persoal médico galego prestacións para atender problemas de saúde derivados de psicopatoloxías ou de adicións e drogodependencias, así como fomentar accións preventivas.

A atención médica prestada é especializada, realizándose baixo condicións de confidencialidade, e buscando a detección precoz dos casos para aplicar os tratamentos farmacolóxicos, psicoterapéuticos e rehabilitadores pertinentes. O programa ponse en mans dos colexios para difundir a súa existencia entre o persoal colexiado, e pola súa vertente de instrumento de control de boas prácticas e de garantía á poboación de protección ao doente, ao resolver problemas que poden interferir na práctica profesional do persoal médico, e garantindo o seu retorno ao exercicio da medicina en condicións óptimas para exercer.

Xunta e colexios consideran, atendendo ás características propias do exercicio da profesión médica, que os facultativos enfermos requiren unha atención médica específica e especializada, xa que iso permitirá a detención precoz dos casos e a instauración dos tratamentos necesarios, co fin de garantir o axeitado exercicio profesional.

Ao longo desta lexislatura o orzamento do programa aumentou un 31 %, desde os 44.000 euros de 2020 ata os 57.830 deste ano. O programa atende arredor de 70 médicos ao ano.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/07/2023