A Xunta dota as mancomunidades de Lambre-Mandeo, A Terra Cha e Verín de maquinaria para a prevención de lumes e intervencións de emerxencia

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, fixo entrega do equipamento, que supón un investimento de case 890.000 euros

Trátase de tres máquinas hidrostáticas polivalentes e autopropulsadas que lle prestarán servizo a 16 concellos das provincias da Coruña, Lugo e Ourense

Ao longo deste ano a Xunta investiu máis de 27,2 millóns de euros en distintas liñas de apoio aos concellos para a execución de máis de 600 proxectosComunidade Intermunicipal Lambre-Mandeo de servizos públicos consorciados, á Mancomunidade de municipios da Terra Cha e á Mancomunidade da comarca de Verín.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participou hoxe na entrega de cadansúa máquina hidrostática polivalente e autopropulsada á Comunidade Intermunicipal Lambre-Mandeo de servizos públicos consorciados, á Mancomunidade de municipios da Terra Cha e á Mancomunidade da comarca de Verín.  

A Xunta inviste case 890.000 euros neste equipamento, co obxectivo de facilitarlles aos concellos os traballos de recuperación, prevención de incendios forestais e intervencións en situacións de emerxencia, risco ou sinistro. O acto contou coa asistencia do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Segundo indicou Diego Calvo, a maquinaria entregada dispón de ferramentas e accesorios para realizar estes labores, como brazo lateral con disco de corte para rozas e triturado de vexetación, depósito para almacenamento de auga con lanza e enganches para mangueiras, e soprador de aire para limpeza de calzadas e gabias. A cesión do equipamento complétase con accións de formación para o persoal usuario, con contidos teóricos e prácticos sobre o manexo, funcionamento, conservación e mantemento dos vehículos.

Os concellos que se van beneficiar das novas dotacións son Aranga, Irixoa, Monfero e Vilarmaior na provincia da Coruña; Abadín, Castro de Rei, Cospeito, Outeiro de Rei e A Pastoriza, na de Lugo; e Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Verín e Vilardevós, na de Ourense.   

Máis de 27,2 millóns investidos en proxectos locais

O vicepresidente primeiro enmarcou a iniciativa no compromiso da Xunta coas administracións locais a través de distintas liñas de acción, como son as convocatorias de axudas específicas e o Fondo de Cooperación Local. Así, ao longo de 2023 distribuíronse entre os concellos de Galicia máis de 27,2 millóns de euros para a execución de máis de 600 proxectos a prol de mellores infraestruturas e servizos de carácter municipal.

Nesta liña, referiuse á orde de infraestruturas, dotada con 3,5 millóns de euros e que beneficiou neste ano a 104 entidades locais que puideron mellorar as súas instalacións para a prestación de servizos básicos de lecer infantil e familiar, deportivos ou culturais. Pola súa banda, o Fondo de Compensación Ambiental facilitou a execución de proxectos de mellora da contorna natural en 93 concellos ao abeiro da liña competitiva e en 119 ao da liña non competitiva, cun investimento que suma máis de 8,2 millóns de euros.

A maiores, a través das distintas liñas do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local neste 2023 investíronse xa máis de 15,5 millóns de euros na mellora da eficiencia enerxética de edificios municipais e das redes de abastecemento, así como na adquisición de maquinaria e equipamento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/07/2023