O presidente da Xunta participou hoxe na VII Romería Abanca Internacional

Rueda pon en valor que a estabilidade de Galicia convértea nun territorio atractivo para investir

Agradece o compromiso dos que apostan por esta comunidade para poñer en marcha os seus proxectos xa que ningún país prospera sen os seus empresarios

Subliña que a Xunta vai seguir traballando para que Galicia sexa o lugar “de estabilidade, certezas e tranquilidade” que demandan os inversores

O Goberno autonómico apoia ao tecido empresarial con medidas para simplificar e axilizar os trámites ou cunha axenda financeira dotada de 135 M€ para impulsar proxectos industriais

Galicia recuperou o nivel de PIB prepandemia antes que o conxunto de España, volveu bater récord de exportacións no primeiro cuadrimestre e ten unha previsión de crecemento do 2% para 2024
 

Ourense, 29 de xullo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a estabilidade política, institucional e económica de Galicia converte á comunidade nun territorio atractivo para investir. Na VII Romería Abanca Internacional que se celebrou en Ourense, o titular do Goberno galego agradeceu o compromiso dos empresarios e inversores que apostan por Galicia para poñer en marcha os seus proxectos e tivo unha mención especial para aqueles galegos que desenvolveron proxectos fóra da comunidade e decidiron volver a súa terra para “seguir creando riqueza en Galicia”.

Rueda resaltou que ningún país prospera sen os seus empresarios e que é obriga das administracións “darlles estabilidade e certezas”. O titular do Goberno autonómico asegurou que a Xunta vai seguir traballando para que Galicia se manteña como “esa illa de estabilidade e tranquilidade” que a converte nun lugar atractivo para investir.

Entre as medidas que ten en marcha a Administración galega para apoiar ao tecido empresarial está a axencia financeira -dotada de 135 M€ para impulsar proxectos industriais- ou a Lei de simplificación administrativa que permite axilizar e reducir os trámites para poñer en marcha unha iniciativa empresarial.

Ademais, durante a súa intervención, Rueda lembrou que a Xunta busca atraer a galegos do exterior para que regresen a súa terra natal a través da Estratexia Galicia Retorna e deste xeito “axuden a construír a nova Galicia”.

Estabilidade económica

As medidas levadas a cabo pola Xunta nos últimos anos teñen como resultado a estabilidade económica de Galicia que se amosa con feitos coma que a comunidade recuperase o nivel de PIB prepandemia antes que a media nacional; que o primeiro cuadrimestre fose o mellor da historia en canto a exportacións; o feito de que Galicia non precisará endebedarse en 2024 para financiar os servizos públicos ou que a previsión para o vindeiro ano sexa que a comunidade medre por encima do 2%.

O presidente rematou agradecendo o interese e compromiso dos empresarios galegos e de fóra de Galicia nesta comunidade e fixo fincapé en que a estabilidade e a planificación son claves para dotar de futuro a un territorio e facelo atractivo para investir.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/07/2023