A Xunta lembra que ata o próximo 4 de agosto se poden solicitar as axudas para consolidar as asociacións de mulleres e as actividades sobre igualdade

O Goberno galego contribuirá con 330.000 euros a atender os gastos correntes derivados do mantemento e funcionamento das entidades e a apoiar os seus programas de igualdade ou de traballo con mulleres vítimas da violencia de xénero

A iniciativa pon especial foco nas mulleres rurais, nas maiores e nas que se atopan en situación de vulnerabilidade
 

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2023

A Xunta lembra que ata o próximo venres 4 de agosto se poden solicitar as axudas para a consolidación do movemento asociativo feminino e para a promoción de actividades en materia de igualdade, prevención da violencia de xénero e de atención ás vítimas desta lacra, con especial atención ás que residen no medio rural, ás maiores e ás que se atopan en situación de vulnerabilidade.

Con este programa -que conta cun orzamento de 330.000 euros- trátase de apoiar ás asociacións de mulleres e federacións constituídas por elas, sen ánimo de lucro, coa finalidade de fortalecer o movemento asociativo feminino e potenciar a participación social e a calidade de vida das galegas.

As axudas teñen como obxectivo o impulso e a dinamización das asociacións de mulleres, con especial atención ao ámbito rural, onde se quere visibilizar e poñer en valor o papel feminino como factor de dinamización, de loita contra as violencias machistas, da mellora da calidade de vida nas comunidades e axente fornecedor do tecido social.

Dúas liñas de axuda

A convocatoria consta de dúas liñas. A primeira, relativa á consolidación do movemento asociativo, está destinada a compensar os gastos correntes que orixine o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e das súas federacións, xerados no período comprendido entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2023, ambos os dous incluídos. Esta liña, financiada cos fondos propios da Comunidade Autónoma, incrementa o seu orzamento nun 2% respecto de 2022, ata acadar os 180.000 euros, cunha contía máxima prevista por entidade de 4.000 euros.

Canto á segunda liña, está dotada con 150.000 euros no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Prevé apoios á promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento ás vítimas, co foco posto nas mulleres rurais, nas maiores e nas que se atopan en situación de vulnerabilidade. As contías, ata un máximo de 6.000 euros, permitirán financiar actividades desenvolvidas entre o 1 de decembro de 2022 e o 30 de novembro de 2023.

Neste caso, as actuacións deben responder a algunha das catro tipoloxías seguintes: accións de sensibilización e concienciación social en materia de igualdade e prevención de violencia de xénero; actuacións para o empoderamento e a participación activa da cidadanía feminina; iniciativas para facilitar a adquisición de competencias e habilidades básicas para unha maior autonomía das mulleres e, por último, medidas específicas dirixidas á prevención da violencia contra as mulleres e ao acompañamento ás vítimas.

Poden optar aos apoios, asociacións ou federacións de mulleres sen ánimo de lucro e con domicilio social en Galicia inscritas no Rexistro único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. Así, deben estar constituídas por un mínimo dun 90% de mulleres e ter como obxectivos a promoción da igualdade entre homes e mulleres e a participación das mulleres na vida política, económica e social, entre outros requisitos.

Ligazón á resolución no DOG:

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2023