A Xunta pon de relevo que a futura Lei de igualdade regulará os dereitos das mulleres do mar e daralles prioridade nas políticas de emprego

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe nunha convivencia de mariscadoras na illa de San Simón co gallo de poñelas en valor e de visibilizar o seu traballo

Referiuse ao oficio como “parte do noso patrimonio cultural, pero tamén do noso presente e do noso futuro”, polo que cómpre relevo xeracional e unha mellora das súas condicións laborais

Destacou que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia considera ás mariscadoras colectivo prioritario á hora de desenvolver as súas accións de sensibilización e de asesoramento técnico
 

Redondela (Pontevedra), 29 de xullo de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, puxo hoxe de relevo que a futura Lei de igualdade regulará os dereitos das mulleres do sector marítimo-pesqueiro e daralles prioridade nas políticas de emprego. Así o dixo no contexto dunha convivencia de mariscadoras na que participou, na illa de San Simón, onde engadiu que no marco desa norma se fomentará o asociacionismo e o traballo en rede e se creará o Observatorio das mulleres rurais e do mar, ademais dun premio Muller Rural e do Mar en Galicia para distinguir a súa singularidade.

Co gallo da visita, a conselleira aproveitou para enxalzar o labor das mariscadoras galegas, un “oficio feminino que forma parte do noso patrimonio cultural, pero tamén do noso presente e do noso futuro”. Nesa liña, apuntou á importancia de facer fronte á necesidade de relevo xeracional, ao tempo que se aposta por reter o coñecemento tradicional e a experiencia acumulada ata o de agora. Así mesmo, avogou por unha mellora das súas condicións laborais e por “visibilizar, dignificar e poñer en valor a profesión”.

Na súa intervención, Elena Rivo sinalou que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) ten entre os seus colectivos prioritarios de actuación as mulleres do mar, como as mariscadoras, as redeiras ou as percebeiras. Así, cada ano desenvólvense accións de sensibilización e asesoramento técnico co obxectivo de mellorar, sempre da man destas traballadoras, as súas condicións de seguridade e saúde laboral e facer prevención das patoloxías profesionais que as afectan.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/07/2023