O conselleiro do Medio Rural presidiu a presentación e despregamento da Operación Centinela Gallego

Un total de 30 patrullas do exército súmanse aos efectivos antiincendios da Xunta para reforzar a vixilancia, a disuasión e a identificación dos potenciais axentes do lume

José González destacou que este operativo ten como obxectivo que a presenza de medios militares contribúa a atallar lumes e condutas incendiarias

O dispositivo conta tamén con drons despregados polo territorio e cámaras de última xeración na rede de vixilancia fixa, provistas dunha tecnoloxía especialmente deseñada para exteriores e vixilancia forestal

Tamén agradeceu o labor dos efectivos contra o lume e apelou á prudencia e á colaboración cidadá, avisando de eventuais incendios chamando de balde ao 085 ou denunciando condutas sospeitosas no teléfono anónimo e gratuíto 900 815 085
 

Pontevedra, 28 de xullo de 2023

Un total de 30 patrullas do Exército e dous equipos de mantemento móbil súmanse aos efectivos antiincendios da Xunta para reforzar a vixilancia, a disuasión e a identificación dos potenciais axentes dos lumes forestais. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González que, acompañado por Manuel Rodríguez, director xeral de Defensa do Monte, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presidiu hoxe a presentación das tropas da Operación Centinela Gallego, no marco dun convenio entre o Goberno galego e o Ministerio de Defensa.

No acto, o conselleiro destacou que 30 patrullas terrestres e dous equipos de mantemento móbil se despregarán nos montes galegos no marco deste operativo, que se renova un ano máis. O obxectivo é que a presenza de medios militares contribúa a atallar lumes e actividades incendiarias, ao supor un aumento do número de efectivos sobre o territorio, co consecuente reforzo da vixilancia e da disuasión.

Nesa liña, o titular do Medio Rural lembrou que os efectivos das Forzas Armadas se incorporan ao operativo co obxectivo de mellorar a seguridade das persoas e dos bens e, en xeral, a protección e defensa da riqueza forestal da nosa comunidade fronte a ameaza dos lumes. Dentro deses efectivos, contamos coa Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), creada no ano 2021, que traballa para esclarecer as circunstancias dos lumes.

No eido tecnolóxico, o dispositivo conta con drons despregados polo territorio e cámaras de última xeración na rede de vixilancia fixa, provistas dunha tecnoloxía especialmente deseñada para exteriores e vixilancia forestal que é capaz mesmo de identificar matrículas de vehículos nas pistas.

Ademais de agradecer o labor de todos os efectivos contra o lume que operan baixo o mando único da Xunta, José González aproveitou para volver apelar á prudencia e á colaboración cidadá. Nesa dirección, lembrou que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que se debe chamar en caso de detectar algún lume forestal. Así mesmo, está dispoñible o teléfono anónimo e gratuíto 900 815 085, para denunciar calquera actividade incendiaria delituosa da que se teña sospeita ou coñecemento.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/07/2023