A Estratexia para a eliminación da hepatite C en Galicia realiza máis de 30.000 probas nos cinco primeiros meses de cribados oportunistas

O conselleiro de Sanidade avanza que se detectaron de forma precoz 38 positivos, un 0,12% das analíticas realizadas

Coa Estratexia posta en marcha pola Xunta, Galicia adiantará o obxectivo de eliminación da enfermidade en catro anos co respecto ao proposto pola Organización Mundial da Saúde
 

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, adiantou esta mañá os resultados dos cinco primeiros meses de cribados oportunistas realizados dentro da Estratexia para a eliminación da Hepatite C e cos que se detectaron de forma precoz 38 casos positivos despois de máis de 30.000 analíticas. Así, ofrécese, en menos de 21 días desde a comunicación do resultado positivo, a posibilidade de comezar un tratamento cunha efectividade demostrada superior ao 95% .

Nun acto con motivo do Día Mundial contra a Hepatite, ao que tamén asistiron o xefe de servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, Juan Turnes, e o facultativo especialista de área de medicina interna da área sanitaria de Vigo, Luis Morano, o titular da Consellería de Sanidade sinalou o amplo número de persoas que poderán acceder a unha detección precoz da Hepatite C ao ofrecerlles a posibilidade de participar neste cribado aproveitando a mesma análise de sangue que se lle vai realizar por outro motivo. “Centrámonos no rango de idade de 40 a 69 anos porque se estima que é no que hai unha porcentaxe máis alta de positivos sen diagnosticar. En Galicia somos preto de 1.200.000 persoas nesta franxa de idade e, segundo os nosos datos do último ano prepandemia, aproximadamente medio millón destas persoas solicitaran, como mínimo, unha analítica en Atención Primaria”, concretou Comesaña ao explicar a forma de chegar á poboación diana deste cribado oportunista implantado nas sete áreas sanitarias.

Segundo a planificación para a eliminación da Hepatite C en Galicia, neste ano comezouse a realizar o cribado entre as persoas nacidas entre 1963 e 1974. En 2024, será no rango de 1954 a 1963 e no ano 2025, destinarase a persoas nadas entre 1974 e 1983. Desta forma, aspírase a eliminar a enfermidade na comunidade autónoma galega en 2026. “Galicia aspira a ser referencia no mundo adiantando o obxectivo proposto pola Organización Mundial da Saúde de eliminar a Hepatite C en 2030. Ímolo adiantar en catro anos, ao 2026”, comprometeuse o conselleiro de Sanidade.

Como novidade nestes cribados, o Servizo Galego de Saúde incorpora as análises por medio de pooling de 100, aproveitando a experiencia de éxito deste sistema para a detección de positivos asintomáticos durante a pandemia.

A maiores, antes de finais de ano, incorporarase en todas as áreas sanitarias a proba da Hepatite C ao programa de control de embarazo durante o primeiro trimestre.

Igualmente, este cribado achégase a poboación de risco a través da unidade móbil de prevención da VIH, VIHxía móbil, realizando coa mesma mostra de sangue tamén o test de Hepatite C.

Aposta pola prevención en saúde pública

A Estratexia para a Eliminación da Hepatite C en Galicia segue a liña de aumento do investimento en saúde pública que está a realizar a Xunta. En materia de cribados, este mesmo ano o Sergas ampliou as probas de cancro de mama subindo a idade máxima para participar ata os 74 anos e estendeu a toda Galicia a detección precoz do cancro de cérvix. Ademais, o sistema sanitario público galego en 2022 incorporou tres novos cribados neonatais, converténdose na comunidade autónoma co maior número de probas neonatais de España.

Como mostra do valor da prevención, o conselleiro de Sanidade sinalou que, grazas ao programa de detección precoz de cancro de colon, entre 2013 e 2021, detectáronse preto de 2.000 cancros invasivos, a meirande parte deles en estadios precoces; e máis de 16.700 lesións precursoras que poderían evolucionar cara un cancro.

Co mesmo obxectivo de prevención da saúde, Comesaña destacou as campañas de vacinación da Xunta. “No que respecta á poboación pediátrica, complementamos a prevención cun dos calendarios vacinais máis ambiciosos de Europa e tamén cun índice de adherencia que nos fai estar orgullosos da concienciación das familias. Ademais, Galicia segue a ser líder en vacinación contra a covid con doses de recordo entre os maiores, segundo os datos do Ministerio de Sanidad”, afirmou o responsable da carteira sanitaria da Xunta en base á estatística do Ministerio a 30 de xuño que constata un 88,20% de vacinación con doses de recordo en maiores de 80 anos en Galicia, un 84,99% na franxa de 70-79 e un 76,01% en 60-69 anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/07/2023