O parque nacional das Illas Atlánticas repite este verán como destino turístico Starlight con actividades gratuítas de observación astronómica

A Federación Galega de Astronomía organiza accións de dinamización nos catro arquipélagos abertas á participación de adultos e nenos
 

A programación comezou o pasado 1 de xullo e prolongarase ata o 11 de setembro, incluíndo intervencións tanto diúrnas como nocturnas que buscan introducir aos visitantes na exploración de estrelas, meteoritos e outros corpos celestes
 

As actividades previstas, durante as que se porá a disposición dos visitantes material óptico de última xeración e equipos electrónicos, realizaranse ao aire libre polo que estarán suxeitas a posibles cambios de data polas condicións meteorolóxicas
 

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2023

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia volve albergar un verán máis unha completa programación de actividades astronómicas co obxectivo de diversificar o seu uso público e dar a coñecer entre os visitantes unha parte destacada dos seus recursos naturais: o ceo.

 

Deste xeito, a Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía (Fegar) encargarase de dirixir e coordinar as distintas accións de dinamización previstas para difundir os valores que desde o ano 2016 acreditan a este espazo natural como destino turístico Starlight. Para logralo, Fegar contará coa colaboración e apoio loxístico do persoal do Parque Nacional no desenvolvemento das actividades, de carácter gratuíto e dirixidas a distintos sectores da poboación, incluído o público infantil.

 

Cómpre lembrar que os destinos Starlight —un selo avalado pola Unesco e outorgado pola Fundación Starlight— son lugares visitables que gozan dunhas condicións óptimas para a contemplación dos ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, resultan especialmente axeitados para albergar todo tipo de actividades turísticas baseadas neste recurso natural.

 

Neste sentido, a programación astronómica prevista para este verán nas Illas Atlánticas, financiada polo Parque Nacional —que comezou o pasado 1 de xullo e prolongarase ata o 11 de setembro— inclúe observacións tanto diúrnas como nocturnas durante as que se porá a disposición das persoas participantes material óptico de última xeración e equipos electrónicos.

 
Actividades diúrnas e nocturnas

Así, as actividades programadas pola mañá levaranse a cabo entre as 13,30 e as 14,00 horas e centraranse na observación solar a través dun telescopio solar en lonxitude de onda alfa, para ver as protuberancias e a evolución das manchas solares, ademais do tránsito de diferentes obxectos celestes.

Así mesmo, a observación astronómica en sentido estrito desenvolverase polas noites, concretamente no Lago dos Nenos e na Pedra da Campá no caso das illas Cíes, e en Caniveliñas na de Ons. Adicionalmente, tamén se realizarán unha serie de actividades de exploración de corpos celestes dirixidas a nenos así como de observación de meteoritos, incluíndo a chuvia das Perseidas do mes de agosto.

 

A programación chegará aos catro arquipélagos aínda que a oferta concentrarase en Cíes —coa novidade este ano de que haberá actividades Starlight durante todos os días do mes de agosto, así como do 1 ao 3 e do 8 ao 10 de setembro— e en Ons —con actividades programadas do 11 ao 14 de agosto e, no mes de setembro, do 1 ao 3 e do 8 ao 11 —. Na illa de Sálvora esta actividade desenvolverase o 19 de agosto e en Cortegada o día 22 do mesmo mes.

 

Para poder participar nalgunha destas accións, os interesados deberán inscribirse previamente na propia illa e os grupos organizaranse in situ. Ao ser actividades ao aire libre, en todo caso, a súa celebración dependerá das condicións meteorolóxicas de xeito que este calendario é susceptible de sufrir posibles alteracións.

 

Na tempada 2022, a participación nas actividades do programa de dinamización de destinos Starlight realizadas nos arquipélagos incluía dous tipos de actividades: observacións solares e astronómicas nocturnas, que chegaron a 5.660 persoas.

 

Destino Starlight desde 2016

Cómpre lembrar que o Parque Nacional das Illas Atlánticas é destino Starlight desde o ano 2016, de aí a importancia de actividades coma estas, que buscan difundir os valores do ceo nocturno do arquipélago e promover a observación das estrelas desde as illas.

 

Ademais, a finais de 2015 tamén recibiu a Carta Europea de Turismo Sustentable (CETS) en recoñecemento ao seu compromiso activo cunha actividade turística de calidade. As accións de observación e divulgación astronómica programadas para xullo, agosto e setembro enmárcanse nos obxectivos da CETS, que busca mellorar a calidade da oferta turística do parque, facéndoa compatible coa conservación dos seus valores naturais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/07/2023