A Xunta selecciona nove proxectos de investigación para impulsar a súa chegada ao mercado no marco do Programa Ignicia

Nos vindeiros meses traballarán cos expertos do programa desenvolvido coa Fundación Barrié na concreción do plan de desenvolvemento e comercialización da tecnoloxía

Desde a súa posta en marcha en 2016, Ignicia mobilizou un investimento total de 16,6 millóns de euros, incluídos os preto de 4 millóns desta edición

Durante ese tempo, o programa apoiou 23 proxectos, dos que 10 están en desenvolvemento e 12 teñen acadado xa o éxito comercial
 

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2023

Un total de nove proxectos veñen de acceder á fase de maduración da convocatoria do programa Ignicia, desenvolvido pola Xunta de Galicia e a Fundación Barrié. O obxectivo desta iniciativa é a valorización da ciencia excelente feita en Galicia e a transformación dos resultados da investigación galega en tecnoloxías e produtos que poidan chegar ao mercado para dar resposta aos retos da sociedade, á vez que se xeran retornos económicos.

Nos vindeiros meses estes proxectos traballarán cos expertos do programa na concreción do plan de desenvolvemento e comercialización da tecnoloxía para garantir a súa chegada ao mercado. Os proxectos que superen esta etapa serán propostos a investimento e poderán acceder a un financiamento do 100% dos custos.

Dous dos proxectos seleccionados na cuarta edición desta convocatoria están promovidos pola Universidade de Vigo; dous polo centro tecnolóxico Gradiant e un por cada unha das seguintes entidades: Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG).

Desde a súa posta en marcha en 2016, o programa Ignicia mobilizou un investimento total de 16,6 M€, incluídos os preto de 4 millóns de euros cos que está dotada esta edición. Durante este tempo, o programa apoiou 23 proxectos, dos que 10 están en desenvolvemento e 12 teñen acadado xa o éxito comercial, a través de 9 empresas tecnolóxicas ou startups e 3 acordos coa industria, que foron quen de xerar máis de 100 empregos de alta cualificación.

Os proxectos seleccionados nesta convocatoria abranguen unha ampla variedade de temáticas, con propostas enmarcadas nas tres prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). Todas elas, ademais, son tecnoloxías disruptivas, con gran potencial e aliñadas coas capacidades industriais de Galicia. Así, tres deles teñen como prioridade a sustentabilidade, enfocada desde distintos sectores (enerxético, biotecnoloxía mariña e industrial); outros tres teñen como eixo a dixitalización, en relación co 5G, a intelixencia artificial e a robótica, mentres que os tres restantes teñen como prioridade o enfoque nas persoas, co desenvolvemento de tecnoloxías no ámbito da medicina de prevención, rexenerativa e de precisión.

En canto á fórmula de comercialización, inicialmente está previsto que sete dos proxectos cheguen ao mercado a través da creación dunha spin-off, mentres que os dous restantes farano a través do licenciamento das súas tecnoloxías á industria. Os proxectos seleccionados contan cun orzamento medio de 450.000 € e unha duración media de 24 meses. Neles estarán implicadas 63 persoas investigadoras, das que 34 (54%) son homes e 29 (46%) mulleres.

Ignicia enmárcase na aposta do Goberno galego por seguir fortalecendo as capacidades do sistema galego de I+D+i e potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación, poñendo o foco na transferencia de coñecemento.

Data de actualización: 28/07/2023