Un total de 16 consellos reguladores agroalimentarios beneficiaranse das axudas para programas de calidade por importe total de 340.000 euros

Estas axudas permiten a estas entidades manter o elevado nivel de rigorosidade necesario na realización das súas tarefas de control da orixe e da calidade dos produtos que certifican

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se detallan os beneficiarios das axudas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias en 2023. Así, son un total de 16 as entidades que recibirán unha achega total de 340.000 euros.

 

Estas axudas permiten aos consellos reguladores manter o elevado nivel de rigorosidade necesario na realización das súas tarefas de control da orixe e da calidade dos produtos que certifican, rigor que é clave para a reputación das nosas denominacións de orixe e indicacións xeográficas e, en xeral, para a reputación do noso sistema de control da calidade. Estas subvencións están financiadas exclusivamente con fondos propios da Xunta de Galicia e tanto a xustificación dos gastos realizados como a achega da documentación correspondente para recibir a subvención ten que presentarse antes do 15 de setembro.

 

Así, tal e como recolle a resolución, son beneficiarios destas achegas na convocatoria de 2023 os consellos reguladores da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), das denominacións de orixe de Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras; das denominacións de orixe protexidas de Arzúa-Ulloa, Cebreiro, Queixo Tetilla e San Simón da Costa; das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia; e das indicacións xeográficas protexidas de Vacún de Galicia, Castaña de Galicia, Mel de Galicia, Pan de Cea e Pataca de Galicia.

 
Accións subvencionables

Neste senso, son obxecto destas axudas as actuacións encamiñadas ao control da calidade e da orixe dos produtos das denominacións de orixe, das indicacións xeográficas ou da agricultura ecolóxica. Tamén poden recibir subvención os estudos, as investigacións e o desenvolvemento de programas para a mellora da calidade dos produtos obxecto de protección ou os gastos relacionados coa acreditación do consello regulador e para o seu mantemento.

 

A maiores, tamén se poden subvencionar os gastos operativos e retributivos orixinados pola participación do persoal do consello regulador no desenvolvemento e execución dos programas de calidade, incluídas as nóminas e os gastos de desprazamento, manutención e aloxamento destes traballadores. Tamén para a adquisición ou alugueiro de bens de equipamento e materiais -incluídos os equipos e aplicacións informáticas- que se empreguen na execución dos programas de control, así como os gastos derivados da realización de análises de laboratorio e outros ensaios relacionados coa certificación do produto.

 

Por último, subvenciónanse os gastos derivados de recorrer a consultoría externa para acadar diversas acreditacións e os relativos a estudos realizados por terceiros cuxo obxecto sexa a mellora da calidade do produto ou a mellora dos sistemas para o seu control.

 
 
Enlace á resolución no DOG:
Data de actualización: 28/07/2023