A Xunta informa en Pontevedra da Rede de polos de emprendemento e das axudas en activo para apoiar a actividade empresarial que suman 17,8 M€

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe en Pontevedra nun networking organizado pola Xunta e Aje Galicia no marco dun convenio de colaboración de impulso ao emprendemento

Destacou que na provincia está en marcha o polo Pontevedra Norte e Rías Baixas que, con sede en Silleda, presta cobertura ás comarcas do Deza, Caldas e O Salnés, xunto cos concellos da Estrada e Barro

Da comarca de Pontevedra atendéronse doce plans empresariais: nove da cidade, dous de Poio e un de Campo Lameiro

Sinalou que continúa aberto o prazo para solicitar os apoios de dous programas para fomentar o emprendemento que suman 13 M€; e do Emega, para iniciativas empresariais de mulleres dotado con 4,8 M€

Pontevedra, 27 de xullo de 2023 O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, informou hoxe en Pontevedra das axudas e recursos que ten a Xunta en activo para impulsar o emprendemento, na súa intervención no networking Políticas para o emprego e a economía social, organizado pola Xunta e Aje Galicia no marco dun convenio de colaboración de impulso ao emprendemento, dotado con 60.000 euros que permite, como é este o caso, desenvolver actividades de divulgación da cultura emprendedora entre a mocidade e recoñecer as súas boas prácticas.

Fernández destacou as vantaxes da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego posta en marcha pola Xunta hai un ano para prestar asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras de Galicia en calquera fase na que se atope o seu proxecto empresarial, de principio a fin. Ata o de agora están en funcionamento oito polos, aos que se sumarán outros sete de aquí ata finais de ano en distintas localizacións estratéxicas, ata chegar aos quince. Na provincia de Pontevedra, está operativo o polo Pontevedra Norte e Rías Baixas emprazado en Silleda que presta cobertura ás comarcas do Deza, Caldas e O Salnés, xunto cos concellos da Estrada e Barro.

Desde a súa posta en marcha hai un ano, atendéronse un cento de proxectos de diferentes sectores promovidos por 110 persoas emprendedoras. Da comarca de Pontevedra sumaron doce plans (nove de Pontevedra, dous de Poio e un de Campo Lameiro).  

O secretario xeral, ademais, explicou os programas de axudas ao emprendemento que na actualidade están en activo e que suman 17,8 millóns de euros. Dun lado, ata o próximo 17 de agosto poden solicitarse as axudas para financiar investimentos de entre 10.000 e 200.000 euros realizados por negocios con ata 42 meses de actividade, con achegas que poderán acadar os 90.000 euros. Esta convocatoria, que conta cun orzamento de 6 millóns de euros, inclúe tamén incentivos de 6.000 euros pola contratación de persoas desempregadas por parte das entidades beneficiarias.

Doutra banda, tamén se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) outra liña de apoios por 7 millóns de euros destinada a financiar negocios en activo que nacesen a partires do 1 de xaneiro de 2021, baixo a influencia da pandemia. Estes apoios poden solicitarse ata o vindeiro 29 de setembro. Son axudas para dar cobertura aos investimentos realizados entre o 5 de novembro de 2022 ata a data da solicitude nestas empresas e os apoios van desde os 3.000 euros para o mínimo investimento financiable (de 5.000 euros) ata os 30.000 euros para o máximo (100.000 euros) para dar cobertura a investimentos xa realizados (debidamente xustificados mediante factura) en equipamento informático, melloras da eficiencia enerxética, adquisición de mobiliario, reforma e/ou habilitación de locais ou compra de equipos de segunda man, entre outros.

Emprendemento feminino

Así mesmo, o secretario xeral de Apoio ao Emprego referiuse aos apoios do programa Emega, de impulso ao emprendemento feminino, que se poden solicitar aínda, ata o próximo 7 de agosto. A iniciativa conta nesta edición cun orzamento histórico de máis de 4,8 millóns de euros (case un 10% máis que o ano pasado). Emega comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.

A contía dos apoios vai dos 8.000 euros por beneficiaria aos 42.000 euros en función da liña solicitada e do número de postos de traballo creados ou mantidos para mulleres de carácter indefinido. A estas cifras engadiríase, de ser o caso, a axuda complementaria da liña Concilia, que oscila entre os 3.000 e os 5.000 euros.

 

Data de actualización: 27/07/2023