A Xunta autoriza licitar por 27,26 M € a xestión integral da rede de plantas de transferencia de Sogama

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, subliña que ás 20 instalacións que estaban ata agora baixo a titularidade da empresa pública sumaranse “cinco novas plantas en Curtis, Ponteceso, A Lama, Arbo e Riotorto”

Todas as plantas terán capacidade para transvasar residuos procedentes do contedor xenérico (bolsa negra), amarelo (envases, latas e briks) e marrón (orgánico)

A ampliación da rede de plantas permitirá superar as 710.000 toneladas anuais de residuos xestionados nestas instalacións

O contrato inclúe os traballos de operación, limpeza e mantemento das instalacións, ademais de prever investimentos por 3,6 M € na execución dunha serie de melloras técnicas e operativas co fin de optimizar o funcionamento de toda a rede
 

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2023

O Consello da Xunta autorizou esta mañá licitar por un importe de 27,26 millóns de euros a xestión integral da rede de plantas de transferencia de residuos de Sogama. “Trátase dos puntos intermedios nos que se trasvasan e clasifican os residuos que se recollen nos municipios” antes de chegar ao centro de tratamento, indicou o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.

A función das plantas de transferencia é transvasar as distintas tipoloxías de residuos que competen a Sogama (bolsa amarela e negra e, proximamente, a marrón) desde os camións de recollida municipal dos concellos adheridos —na actualidade 295 que suman unha poboación de máis de 2,2 millóns de habitantes—  a contedores de maior capacidade, aptos para ser transportados, por tren ou por estrada, nas mellores condicións hixiénicas e de seguridade ata as instalacións que ten a empresa pública no Complexo Medioambiental de Cerceda e, en breve, ás plantas de compostaxe de biorresiduos de cada provincia.

Calvo salientou que á rede de plantas de transferencia que actualmente está formada por 20 centros —Cee, Boiro, Narón, Santa Comba, Santiago de Compostela, Ortigueira, Lugo, Viveiro, Barreiros, Monforte de Lemos, Chantada, Sarria, Becerreá; Vigo, O Porriño, Ribadumia, O Rosal, Silleda; Ourense e A Rúa— “van sumarse outras cinco plantas na Lama, Arbo, Curtis, Ponteceso e Riotorto”. “Todas son construídas pola Xunta para substituír ás microplantas que xa existían”, indicou.

Deste xeito e grazas ás melloras e adaptacións acometidas pola Xunta, en 13 das 25 plantas da rede poderase transvasar, ademais da bolsa amarela (que contén envases de plástico, latas e briks) e negra (fracción resto procedente do contedor xenérico), a bolsa marrón coa materia orgánica, contando cunha tolva específica para esta.

Ademais, ao dispoñer dun maior número de puntos para a transferencia dos residuos tamén se prevé un incremento da capacidade total do operativo ao servizo de Sogama, que o ano pasado transvasou 690.000 toneladas e coa incorporación das 5 novas plantas prevese que pase a xestionar máis de 710.000 toneladas anuais.

A duración do contrato é de 3 anos, contemplándose 2 prórrogas anuais e unha excepcional que non poderá superar os 9 meses, cun investimento estimado de 41,4 millóns de euros.

O novo contrato para a xestión integral da rede de plantas de transferencia abrangue tanto a actividade operativa, a limpeza e o mantemento de todas as plantas, como unha serie de melloras técnicas e operativas para optimizar o seu funcionamento.

Entre as actuacións previstas no contrato, que suporán un investimento de 3,6 millóns de euros do orzamento total de licitación, cítanse a continuación algunhas das máis relevantes. Así, na planta de Guixar, en Vigo, deberán adecuarse as estruturas metálicas, tanto da nave na que se realiza a transferencia de residuos como da nave na que se sitúa a depuradora, habilitando na EDAR un novo sistema de pretratamento de augas residuais. Tamén se construirá un vestiario para o persoal.

Na do Porriño deberán restaurarse todos os elementos que conforman as estruturas metálicas e, na de Lugo, acondicionarase a chaira de manobras da instalación e optimizarase o funcionamento dos sistemas de recollida e xestión de augas pluviais. Esta e a planta de transferencia de Narón contarán con novas EDAR. Pola súa banda, na de Silleda adecuarase a zona de acceso á plataforma de descarga.

Así mesmo, a actual planta de Cee deberá ser desmantelada cando o servizo pase a desenvolverse na nova, que se atopa actualmente en fase de construción.

Ademais, habilitarase unha nova liña de lodos nas plantas de Santiago, Chantada, Monforte, Ortigueira, O Rosal e A Rúa. E, adicionalmente, dotarase á de Monforte cun punto de transvasamento para a materia orgánica recollida nos contedores marróns.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/07/2023