O titular de Medio Rural clausurou en Santiago a conferencia “O valor das cooperativas agroalimentarias”, organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias

A Xunta destaca que Galicia é un destino europeo de referencia na formación de mozos que se incorporan ao sector primario

José González puxo en valor a intensa actividade formativa, tanto en materia de ensinanza regrada como non regrada, no ámbito agropecuario e forestal

No curso 2023-2024 ofértanse 328 novas prazas nos distintos centros de formación da Consellería, un incremento do 8,8 % con respecto ao curso anterior e dun 17,4 % máis en relación co curso 2021-2022

Tamén destacou a posta en marcha de tres novos ciclos formativos, que inciden na alternancia entre o centro educativo e a empresa, favorecendo así a inserción laboral dos alumnos

Fixo balance das actuacións máis destacadas da Consellería para apoiar a reestruturación das explotacións, co fin de que sexan máis rendibles, máis competitivas e máis atractivas

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, clausurou esta mañá en Santiago de Compostela a conferencia “O valor das cooperativas agroalimentarias”, organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias ao abeiro do programa AgriCoopValue Erasmus+. Alí, destacou que a nosa Comunidade é un referente a nivel europeo en canto á formación de mozos e mozas que se queren incorporar ao agro.

Neste senso, José González puxo en valor a intensa actividade formativa impartida nos distintos centros de formación e experimentación agraria, tanto en materia de ensinanza regrada como non regrada, no ámbito agropecuario e forestal. Así, indicou que no curso 2023-2024 ofértanse 328 novas prazas nos distintos centros da Consellería, un incremento do 8,8 % con respecto ao curso anterior e dun 17,4 % máis en relación co curso 2021-2022.

Así mesmo, o conselleiro tamén destacou a posta en marcha de tres novos ciclos formativos, que inciden na alternancia entre o centro educativo e a empresa, favorecendo así a inserción laboral dos alumnos. De aí, insistiu, a importancia de programas como AgriCoopValue Erasmus+, os cales permiten entrar en contacto con outras realidades, aprender delas e adquirir novas habilidades –tanto no profesional como no persoal–.

De feito, insistiu o titular de Medio Rural, para que Galicia sexa un destino erasmus atractivo é imprescindible coidar a nosa oferta formativa. Así, salientou que no presente exercicio, a Consellería dedica un total de 4,1 millóns de euros aos centros de formación, entre gastos de funcionamento e investimentos nos propios centros e nas súas residencias.

Adicionalmente, se sumamos as axudas globais en materia de formación, apuntou o conselleiro, falamos de 11 millóns de euros, o que dá unha idea do nivel de compromiso da Xunta neste eixe clave para o desenvolvemento do rural e a súa proxección sobre toda Europa.

Accións da Xunta

Para asegurar ese relevo xeracional no agro, o conselleiro fixo balance das actuacións máis destacadas da Consellería para apoiar a reestruturación das explotacións, co fin de que sexan máis rendibles, máis competitivas e máis atractivas.

Así, José González salientou que, grazas aos distintos instrumentos de mobilización de terras impulsados pola Lei de recuperación da terra agraria de Galicia -tales como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as permutas agrarias-, as concentracións parcelarias e outras iniciativas como o Plan de pastos de Galicia, estanse a mobilizar en Galicia ao redor de 35.000 hectáreas en toda a Comunidade. Desta forma, incidiu, conséguese mellorar a rendibilidade das explotacións galegas, que demandan máis e mellor base territorial.

Do mesmo xeito, o conselleiro fixo fincapé nas distintas estratexias sectoriais impulsadas pola Xunta, co fin de consolidar os principais eixes económicos do sector primario -eidos como o vitivinícola, o lácteo ou o cárnico-, que permiten mellorar a súa competitividade.

Por último, o titular de Medio Rural tamén destacou unha liña de axudas moi importante destinada á incorporación de persoas mozas ao agro galego, a execución de plans de mellora e a creación de pequenas explotacións. De feito, na convocatoria deste 2023, estas axudas alcanzaron os 38,8 millóns de euros (un 3,5 % máis que na anterior) e, apuntou, desde o ano 2009 incorporáronse preto de 4.500 mozos aos agro galego grazas a estas achegas.  

Xa que, matizou José González, falamos dunha das ordes de axudas máis destacadas da Consellería do Medio Rural, tanto polo seu importe como polo número de beneficiarios. Con elas búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e fomentar o emprego neste sector, co fin último de fixar poboación no rural.

Así mesmo, tamén destacou a liña de achegas que fomenta a utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo, cuxa convocatoria de 2023 chega aos 7,8 millóns de euros e a cal permanece aberta arestora. Estas achegas buscan promover o uso de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, impulsar a introdución de novas tecnoloxías no seu emprego e racionalizar os custos de mecanización. Outras finalidades pasan por incrementar os mecanismos de seguridade no traballo, reducir as emisións contaminantes e promover o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no rural galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/07/2023