A Xunta de Galicia colabora co Grupo Nueva Pescanova para avanzar cara a unha fábrica 4.0 máis eficiente e sustentable

Un consorcio liderado por Nueva Pescanova e no que participan o centro tecnolóxico Gradiant e a empresa ASM Soft presentou esta mañá os resultados do proxecto Sea2Table4.0, apoiado polo programa Fábrica Intelixente e Sustentable do Goberno galego

Grazas a este proxecto as tres plantas do grupo en Galicia implantaron tecnoloxías innovadoras que lles permiten maior axilidade na toma de decisións, máis flexibilidade, melloras na trazabilidade dos produtos, maior eficiencia na xestión e gobernanza e procesos máis sustentables

Vigo, 27 de xullo de 2023

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá na xornada de presentación dos resultados do proxecto Sea2Table4.0 desenvolvido por un consorcio liderado polo Grupo Nueva Pescanova coa participación do centro tecnolóxico Gradiant e a spin-off da Universidade de Vigo ASM Soft. A través deste proxecto o grupo conseguiu desenvolver un novo modelo de fábrica 4.0 nas tres plantas que ten en Galicia onde os procesos están interconectados e automatizados a través da implantación de tecnoloxías innovadoras como a intelixencia artificial, mellorando así a eficiencia e sustentabilidade. Este proxecto está apoiado cunha axuda de preto de 1,2 millóns de euros pola Xunta de Galicia a través do programa Fábrica Intelixente e Sustentable e cofinanciado pola Unión Europa a través de fondos do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou a contribución deste proxecto ao avance cara a un novo modelo de fábrica na industria alimentaria máis eficiente e sustentable, en liña cos retos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia RIS3 e coas prioridades europeas da dixitalización e sustentabilidade. Así mesmo, subliñou o efecto tractor deste proxecto sobre a cadea de subministración do grupo e o seu impacto sobre a industria alimentaria galega, un sector estratéxico para a nosa economía.

Sea2Table4.0 permitiu a implantación dun xemelgo dixital multifábrica a través do que recompilar e analizar información en tempo real das plantas do Grupo en Galicia, conseguido, así, unha maior axilidade na toma de decisións, maior flexibilidade da cadea de subministración, melloras na trazabilidade dos produtos, unha xestión das plantas máis eficiente e procesos máis sustentables.

A directora de Gain lembrou que segue aberta ata o 2 de outubro a convocatoria de 2023 deste programa Fábrica Intelixente e Sustentable que apoia proxectos empresariais de I+D e innovación de carácter estratéxico para o tecido industrial galego centrados no desenvolvemento de tecnoloxías dixitais e verdes, co cofinanciamento de fondos Feder.

Dotada con 24 millóns de euros, está dirixida tanto a pemes como a grandes compañías, así como a organismos de investigación que desenvolvan proxectos de I+D en colaboración cunha ou varias compañías. Entre os obxectivos desta liña de axudas atópase estimular que as empresas realicen a súa I+D+i en Galicia, actuar como elemento tractor sobre a mobilización e atracción de capital privado e impulsar a competitividade do noso tecido empresarial.

A través das catro edicións anteriores deste programa, apoiáronse 24 proxectos, nos que participaron 68 empresas e centros de coñecemento, cunha axuda pública de preto de 76 millóns de euros, que permitiu unha mobilización de 275 millóns de euros. Deste investimento, as entidades da provincia de Pontevedra concentraron un 74% do investimento mobilizado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/07/2023