A Xunta adxudica por máis de 150.000 euros as obras da senda peonil na contorna do enlace da autovía do Salnés coa PO-504, entre o Vinquiño e Contumil, en Sanxenxo
Os traballos posibilitarán a execución dun itinerario accesible polo cal os peóns poderán circular en condicións de máxima seguridade
As obras iniciaranse a finais de setembro e prevese que estean rematadas entre finais de ano ou principios do vindeiro
Executarase unha senda de 380 metros para unir ambas as marxes da autovía e resolver a barreira que supón para a mobilidade a alta densidade de tráfico que rexistra a zona
A intervención inclúe dotación de iluminación pública, canalizacións para as redes de telecomunicacións e distribución de enerxía eléctrica, a reposición de servizos e colocación de xardineiras no treito paralelo á PO-504
A Xunta adxudicou por 151.902 euros as obras de execución da senda peonil na contorna do enlace da autovía do Salnés coa PO-504, entre O Vinquiño e Contumil, no concello de Sanxenxo.
Esta nova actuación, adxudicada á empresa Construcciones E.C. Casas, S.L., ten como obxectivo resolver unha barreira de mobilidade e permitir un itinerario máis seguro e accesible nesa zona do municipio pontevedrés.
A previsión é iniciar as obras a finais de setembro, tendo en conta que os actos expropiatorios de levantamento de actas previas xa foron realizados e que a formalización das actas de ocupación está prevista para o vindeiro 19 de setembro. Prevese que os traballos estean rematados a finais de ano ou principios de 2024.
O investimento total da actuación ascende a 180.000 euros, tendo en conta as expropiacións dos predios precisos para a súa execución.
Concretamente, construirase un itinerario peonil de 382 metros de lonxitude, para unir ambas as marxes da autovía AG-41 e resolver a barreira que supón para a mobilidade peonil pola alta densidade de tráfico que rexistra este enlace coa estrada autonómica.
O novo itinerario peonil partirá, nun primeiro treito, das beirarrúas existentes na marxe dereita da estrada PO-504 -ao seu inicio no lugar de Vinquiño- para chegar ata o paso inferior da autovía. Nun segundo treito, a senda continuará desde ese punto e facendo unha “L”, ata a glorieta inferior do enlace da autovía, comunicando o itinerrio coa zona comercial e a estación de servizo.
No primeiro treito, adaptaranse as beirarrúas existentes e os terreos para obter unha beiravía mínima de 0,7 metros. No segundo treito, unha vez pasado o paso inferior, a senda discorrerá paralela aos muros e ao pé do noiro da propia autovía para rematar na glorieta inferior do enlace que dá acceso a Sanxenxo.
A sección mínima da senda terá un ancho medio de 2,5 metros e contará con pavimento de formigón e bordo de separación coa calzada.
Os traballos completaranse coa dotación de iluminación pública, canalizacións para as redes de telecomunicacións e distribución de enerxía eléctrica, así como a reposición de servizos afectados e a dotación de diferentes xardineiras no treito paralelo á PO-504.
Con esta alternativa, evítase o paso polo enlace da glorieta inferior de acceso a Sanxenxo, conseguindo así unha maior seguridade viaria para os peóns e garantindo unha solución técnica e viable a un problema de mobilidade peonil e de comunicación xa existente neste punto de acceso á vila onde, ademais, se atopa un importante núcleo de establecementos comerciais.
A nova senda posibilitará, polo tanto, un itinerario accesible polo cal os peóns poderán circular en condicións de máxima seguridade.