A Xunta lembra que ata o 7 de agosto se poden solicitar os máis de 4,8 M€ de axudas Emega para o fomento do emprego feminino

O delegado da Xunta visitou hoxe en Oroso o establecemento de froitas A Horta , que recibiu unha axuda de 17.000 euros no marco destas achegas

Destacou que este ano o orzamento do programa increméntase en case un 10% con respecto a 2022 coa previsión de outorgar unhas 370 axudas, tras as 346 concedidas no último exercicio que deron lugar a 619 empregos femininos de carácter estable

Lembrou que se teñen en conta, entre outros, a pertenza a sectores con infrarrepresentación das mulleres ou a contribución á integración laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero, con discapacidade ou en paro de longa duración

Oroso (A Coruña), 27 de xullo de 2023 O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Oroso, Álex Doval, lembrou hoxe que ata o 7 de agosto se poden solicitar os máis de 4,8 millóns de euros do programa Emega de fomento do emprendemento feminino, que este ano prevé outorgar unhas 370 axudas grazas a un orzamento case un 10% superior ao do ano pasado. Foi durante a visita á froitería A Horta  no concello de Oroso que recibiu 17.000 euros no marco deste programa e que cualificou de perfecto exemplo do “talento feminino” que existe na provincia coruñesa.  

Na visita, Trenor recordou que as axudas Emega permiten incrementar a presenza feminina no mercado laboral galego, o que suporá un gran avance colectivo e unha maior prosperidade para Galicia “axudando a mulleres emprendedoras e talentosas”· En concreto, buscan apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.

Así, Trenor lembrou que o programa está integrado por catro liñas: Emprende, con incentivos para a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea; Activa, para favorecer a reactivación e consolidación de proxectos empresariais impulsados por mulleres ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade; ITEF, que pon o foco no apoio a iniciativas empresariais con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica promovidas por mulleres; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, para axudar tanto ás mulleres promotoras como ás traballadoras ao seu cargo na súa conciliación. 

Beneficiarias do programa Emega

Para resultar beneficiarias, as mulleres emprendedoras deben liderar  unha microempresa ou pequena empresa validamente constituída e domiciliada en Galicia. Entre outros requisitos, deben manter vinculación laboral co proxecto que, á súa vez, ten que ser viable económica, técnica e financeiramente.

Á hora de distribuír as axudas, teranse en conta, entre outros criterios, o emprego feminino xerado e/ou mantido por conta propia ou allea de carácter indefinido, a pertenza a sectores económicos nos cales as mulleres estean infrarrepresentadas, a contribución á integración laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero, con discapacidade ou desempregadas de longa duración ou se a actividade empresarial está dedicada á prestación de servizos de conciliación.

Cualificado como boa práctica pola Unión Europea, Trenor puxo de relevo que o programa Emega conta con 27 anos de traxectoria en Galicia, nos que se viron beneficiadas “máis de 2.300 mulleres emprendedoras”. Destacou que o pasado 2022 concedéronse ao abeiro deste programa deste programa 346 axudas en Galicia, que deron lugar a 619 empregos femininos de carácter estable, dos que 396 foron empregos novos e 223 mantidos. Na comarca de Santiago creáronse 58 postos de traballo coa concesión de 28 axudas por un importe de máis de 360.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/07/2023