A Xunta colabora na mellora do local social da asociación de veciños San Andrés de Zarracós da Merca cunha achega de case 17.000 €

A directora xeral de Administración Local visitou as instalacións para comprobar as obras realizadas e o equipamento adquirido

O apoio enmárcase no Plan específico de acción comunitaria, dotado cun orzamento de tres millóns de euros

A Merca (Ourense), 27 de xullo de 2023 A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe na Merca o local social da asociación de veciños San Andrés de Zarracós, que vén de ser reformado co apoio da Xunta no marco do Plan específico de acción comunitaria. O Goberno galego destinou o pasado ano case 17.000 euros para a realización de obras e a adquisición de equipamento a prol dun local máis accesible, seguro, confortable e adaptado ás necesidades da veciñanza.

Do total investido, 11.990 euros dedicáronse á supresión de barreiras arquitectónicas, coa construción dunha rampla de acceso e dun aseo accesible; á reparación da estrutura e da cuberta do edificio; á substitución das carpinterías exteriores, así como das instalacións eléctricas, fontanería e iluminación; e ao pintado do interior. A maiores, a asociación recibiu 4.991 euros para a adquisición de equipamento informático e audiovisual, mobiliario e estufas.

A directora xeral de Administración Local salientou a importancia de apoiar o asociacionismo local e de facilitarlles espazos axeitados para o desenvolvemento da súa actividade, coa que estas entidades contribúen á dinamización da vida social e cultural da contorna. Nesta liña, Natalia Prieto incidiu no compromiso que vén demostrando a Xunta desde 2016 coa creación do Plan específico de acción comunitaria, dotado con tres millóns de euros e ao que se suman cada ano un importante número de colectivos veciñais, de mulleres e de usuarios de augas.

Segundo indicou, a convocatoria de 2022, da que se beneficiou a asociación de veciños San Andrés de Zarracós, supuxo axudas para 37 entidades ourensás cun importe que supera os 500.000 euros. Desta contía, 471.259 euros destináronse a 31 asociacións de veciños, 36.000 a tres comunidades de usuarios de augas, e 25.000 a tres colectivos de mulleres rurais. No conxunto de Galicia e desde a posta en marcha da medida, o investimento do Goberno galego supera os 16 millóns de euros cos que se apoiaron máis de 1.300 proxectos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/07/2023