A Xunta destina case 452.000 € a equipamento de emerxencias para as agrupacións de voluntarios de protección civil

A convocatoria, que sae publicada hoxe no DOG, vai destinada a concellos de menos de 50.000 habitantes con agrupacións de voluntarios de Protección Civil

A adquisición está cofinanciada polos fondos europeos do programa Feder 2021-2027

Entre o material que se cederá figuran 21 kits de equipamento de seguridade viaria, 21 para as emerxencias no medio acuático, 21 de ferramentas eléctricas, 8 remolques e 20 tendas de campaña de atención as emerxencias
 

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se establecen as bases reguladoras para a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias aos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións de municipios galegos que conten con agrupacións de voluntarios de Protección Civil.

A convocatoria, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder-Galicia 2021-2027, conta cun orzamento de case 452.000 euros, distribuídos en cinco lotes.

En concreto, cederanse 21 kits de material loxístico de seguridade viaria, outros 21 para as emerxencias no medio acuático, 21 de ferramentas eléctricas, 8 remolques e 20 tendas de campaña de atención as emerxencias.

As entidades locais cunha poboación menor a 50.000 habitantes que cumpran as condicións estipuladas poderán optar a este equipamento específico para os seus labores de emerxencias. Por exemplo, do material para emerxencias no medio acuático só poden ser beneficiarios municipios de costa adscritos ao Plan de Salvamento en Praias de Galicia (SAPRAGA) o ano pasado.

As solicitudes deberán presentarse desde mañá e no prazo dun mes a través da sede electrónica da Xunta ( https://sede.xunta.gal).

Esta convocatoria forma parte das actuacións da Xunta co obxectivo dotar do equipamento necesario aos concellos con servizos de protección civil e emerxencias, de maneira que poidan levar a cabo a súa actividade con eficacia e seguridade.

Cómpre lembrar que nos últimos anos, o Goberno galego leva investidos máis de 26M€ en equipamento aos servizos de emerxencias da comunidade como estas AVPC ou os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).

No caso das AVPC, esta orde complementa a outra de 340.000 euros que como cada ano se destina a sufragar os seus gastos de funcionamento e da que xa se publicou a resolución con case 200 colectivos beneficiarios.

Data de actualización: 27/07/2023