A conselleira de Política Social e Xuventude, acompañada do delegado da Xunta, Alejandro López, visitou hoxe o centro social desta entidade en Río de Janeiro

A Xunta destinará 10.000 euros a mellorar a calidade asistencial da Peña da Casa de España

Asinou un protocolo de colaboración para apoiar os galegos na diáspora que reciben nestas instalacións servizos de rehabilitación, estimulación da memoria ou asesoramento para realizar trámites administrativos

Río de Janeiro (Brasil), 26 de xullo de 2023  A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado da Xunta, Alejandro López Dobarro, visitou hoxe o centro social da Peña Casa de España en Río de Janeiro, Brasil. Durante a visita asinou un protocolo de colaboración con esta entidade por valor de 10.000 euros para mellorar a calidade asistencial do centro ao que acoden cada día galegos emigrados.

Esta entidade, fundada en 1983, nacía co obxectivo de fomentar os lazos entre a comunidade hispana. Ademais dun lugar de encontro para galegos no exterior, nas súas instalacións ofrécense servizos de rehabilitación, estimulación da memoria e asesoramento para trámites administrativos. Esta visita enmárcase dentro da viaxe institucional que a conselleira de Política Social e Xuventude está a realizar por tres países de América Latina —Brasil, Arxentina e Uruguai— con motivo da semana do Día de Galicia.

Fabiola García compartiu a xornada cos usuarios deste centro onde puido coñecer as súas historias e lembrar a súa terra natal. Durante o encontro, a conselleira lembrou que Galicia non esquece a ningún dos seus integrantes, vivan onde vivan, e apuntou que o Goberno galego seguirá reforzando a colaboración para atender a aqueles maiores que se atopan na diáspora.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/07/2023