A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe o minicampamento e o campamento que se desenvolven nesta localidade

A campaña de verán da Xunta ofrece alternativas de ocio educativo para todas as idades e inquietudes

O minicampamento ten lugar no hotel As Maceiras e ofrece actividades na natureza para mozos de entre 10 e 14 anos

Pola súa banda, o campamento ‘Manzaneda alta montaña’ permite que mozos de entre 9 e 12 anos se divirtan na estación de Manzaneda e realicen actividade de multiaventura, hípica ou orientación

A Pobra de Trives (Ourense), 26 de xullo de 2023 A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe os mozos que participan no campamento e no minicampamento no concello da Pobra de Trives. Durante as visitas lembrou que a campaña de verán da Xunta ofrece distintas alternativas de ocio educativo para todas as idades e inquietudes.

A directora achegouse primeiro ao minicampamento ‘Coñece Galicia’ que ten lugar no hotel As Maceiras. Este programa permite estadías de cinco días en establecementos hoteleiros para a mocidade de 10 a 14 anos en distintos puntos da Comunidade. Neste da Pobra de Trives, os rapaces e rapazas poderán realizar roteiros, tiro con arco, orientación na montaña e visitas a zonas de interese como o Souto de Rozabales.

Pola súa banda, o campamento que se realiza na estación de alta montaña de Manzaneda permite actividades para mozos e mozas de entre 9 e 12 anos que tamén teñen como protagonistas a natureza. Este campamento ofrece actividades de tirolina, parque multiaventura, hípica, orientación ou piscina, entre outras.

11.200 prazas

A campaña de verán da Xunta para este ano 2023 é a máis ampla con máis de 11.200 prazas en distintas actividades, pero tamén e a máis variada e accesible. Nela ofrécense actividades para todas as idades e gustos como campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos ou intercambios con outras Comunidades. O obxectivo e que a mocidade pase uns días de aprendizaxe e diversión e que os pais conten cun servizo de conciliación para esta época estival.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/07/2023