Lorenzana reúnese con Resonac e Ignis para coñecer o seu plan industrial conxunto na Coruña

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, agradece o interese de ambas as dúas empresas por desenvolver os seus proxectos en Galicia

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2023 A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro de traballo con representantes das empresas Resonac Graphite Spain e Ignis Energy Holdings para coñecer de primeira man o avance do seu proxecto conxunto na Coruña.

Ambas as dúas compañías contan cun plan industrial para os terreos contiguos á fábrica de electrodos de grafito de Resonac que permitiría dar unha segunda vida a este espazo e unha nova oportunidade para o emprego.

O proxecto supón, no caso de Resonac, a ampliación das instalacións  e da unidade de negocio actual para a produción de grafito para baterías de vehículos eléctricos; mentres que no caso de Ignis inclúe a creación dunha fábrica de amoníaco verde no porto exterior da Coruña que se abastecería de hidróxeno renovable xerado neste espazo.

Lorenzana puxo en valor esta iniciativa e agradeceu a aposta destas dúas compañías por desenvolver os seus proxectos de futuro en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/07/2023