A Xunta destaca o aumento nun 66% das inspeccións no eido da seguridade e saúde laboral en Pontevedra en colaboración coa Inspección de Traballo Provincial

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, constatou co director territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social, Demetrio Fernández, que as inspeccións subiron case un 15% na provincia con respecto ao mesmo período de 2022

O encontro celebrouse no marco dos contactos que mantén coas inspeccións de traballo provinciais, co gallo de abordar as actuacións que desenvolven de xeito coordinado en materia de prevención de riscos, relacións laborais e igualdade

Vigo, 26 de xullo de 2023 A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, mantivo hoxe unha xuntanza co director da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra, Demetrio Fernández, para abordar as actuacións que desenvolven de xeito coordinado en materia de prevención de riscos, relacións laborais e igualdade na provincia. Así, constataron que as actuacións inspectoras se incrementaron un 14,7% no primeiro semestre do 2023 en comparación co mesmo período do ano pasado, mentres os requirimentos polos incumprimentos detectados subiron un 38,5%.

Na xuntanza, que forma parte dos contactos mantidos coas catro inspeccións de traballo provinciais para coordinar os asuntos comúns e na que tamén participaron as xefas de unidade de Seguridade Social e de Seguridade e Saúde da Inspección Provincial de Pontevedra, Paula Rodríguez e Carolina Álvarez respectivamente, destacouse o importante aumento das inspeccións en materia de prevención de riscos laborais. En concreto, en Pontevedra as actuacións nesta competencia subiron un 66% (ata as case 7.600), os requrimentos un 39,7% (ata preto dos 2.300) e os expedientes sancionadores un 4,3% (ata case 200), nun contexto marcado polo aumento do número de subinspectores e subinspectoras con especialización en seguridade e saúde laboral en toda Galicia.

En materia de relacións laborais, o número de actuacións incrementouse nun 8,9% (superando as 2.600) no primeiro semestre deste ano en comparación co mesmo período de 2022 para vixiar fundamentalmente o cumprimento da lexislación vixente en materia de contratación. Así, grazas a estas accións transformáronse en indefinidos máis dun milleiro de contratos temporais na provincia. Tamén se revisou o correcto funcionamento das empresas de traballo temporal, que se cumpra a contratación mínima de persoas con discapacidade ou que non existan casos de discriminación en materia de xénero.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/07/2023