A Xunta activa melloras na fachada, a cuberta e de eficiencia enerxética no IES Chan do Monte de Marín cun investimento de 82.000€

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, supervisou as obras de reparación da fachada e da cuberta no edificio dos talleres, que se están a desenvolver neste verán, xunto á alcaldesa de Marín, María Ramallo, e outros representantes educativos

O cargo autonómico anunciou que a Consellería de Educación está a tramitar a licitación dun proxecto de instalación fotovoltaica para autoconsumo deste centro público que contará con trinta módulos e entrará en funcionamento este mesmo ano

“Nestes momentos, ademais das grandes obras de rehabilitación enerxética e funcional, estamos a realizar actuacións de menor calado en máis de trinta colexios e institutos da provincia que son fundamentais para aumentar a súa confortabilidade e para ilos adaptando ás necesidades e esixencias do Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica”, manifestou Agustín Reguera

Marín, 26 de xullo de 2023 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, vén de activar unha dobre actuación no IES Chan do Monte de Marín que consistirá na mellora da fachada e da cuberta en certos inmobles deste centro e na implantación de instalacións orientadas á súa eficiencia enerxética cun investimento global de case 82.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, supervisou esta mañá as obras de reparación da fachada e da cuberta no edificio dos talleres deste instituto nunha visita realizada xunto á alcaldesa de Marín, María Ramallo, o xefe territorial de Educación, César Pérez, membros do goberno local, responsables da unidade técnica da consellería e representantes da comunidade educativa.

Esta actuación estase a desenvolver ao longo do presente verán co obxectivo de que estea rematada para o comezo do vindeiro curso académico e consiste na estabilización e reparación das fendas abertas na fachada e na reforma da cuberta da ampliación do último corpo de talleres situado na planta baixa na contorna oeste do bloque central. Esta obra ten un orzamento de máis de 48.000 euros.

“Estamos a executar unha mellora importante neste instituto de Marín, pero é que ademais desde a Xunta imos acometer, este mesmo ano, outra actuación de eficiencia enerxética consistente na dotación dunha instalación fotovoltaica que vai mellorar o rendemento e a confortabilidade deste centro, algo que consideramos fundamental para que os seus centos de alumnos, o profesorado e o resto dos traballadores estean nas mellores condicións”, explicou Agustín Reguera.

En concreto, a Consellería de Educación está a tramitar na actualidade a licitación dun proxecto de instalación fotovoltaica para autoconsumo de 17,5 kilovatios con conexión red e trinta módulos que se situarán sobre a cuberta inclinada do edificio de ampliación próximo ao corpo central do instituto marinense seguindo a pendente do teito e orientados ao sur. Dita actuación, que quedará rematada e entrará en funcionamento este mesmo ano, ten un orzamento de 33.280 euros.

“Nestes momentos, ademais das grandes obras de rehabilitación enerxética e funcional, estamos a realizar actuacións de menor calado en máis de trinta colexios e institutos da provincia de Pontevedra que son fundamentais para aumentar a súa confortabilidade e para ilos adaptando ás necesidades e esixencias do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e que confirman o absoluto compromiso da Xunta co noso sistema educativo público”, concluiu o delegado territorial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/07/2023