A Xunta licita por 156.000 euros as obras de instalación de ascensores en dous centros educativos de Ferrolterra

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades mellorará con estas actuacións a accesibilidade dos CEIP Plurilingüe Virxe do Mar, en Narón, e o CEIP San Isidro, de Neda

“Estes investimentos son un exemplo do compromiso da Xunta cunha educación pública de calidade que inclúe a mellora das instalacións coa fin de garantir que os escolares dispoñan duns espazos confortables, seguros e accesibles nos que desenvolver a súa aprendizaxe”, indica a delegada territorial, Martina Aneiros.

Estas intervencións, incluídas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, súmanse ás xa anunciadas nos CPI O Feal e CEIP A Gándara, ambos de Narón, onde se instalarán outros tres ascensores
 

Ferrol, 25 de xullo de 2023

A Xunta de Galicia investirá 156.000 euros na instalación de dous ascensores nos CEIP Plurilingüe Virxe do Mar, en Narón, e CEIP San Isidro, de Neda. A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, avanzou que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades sacou recentemente a licitación un paquete de obras en varios centros educativos da provincia no que están incluídas estas actuacións.

Segundo avanzou Aneiros, no CEIP Plurilingüe Virxe do Mar, optouse por instalar un ascensor adaptado con capacidade para oito persoas na fachada posterior do centro. Coa fin de interferir o menos posible na fachada, axustarase o acceso desde o ascensor ao interior do centro ao oco dunha das xanelas xa existentes de xeito que non sexa necesario reconstruír parte da fachada. Esta actuación ten un orzamento de 97.000 euros e un prazo de execución de catro meses.

No caso do CEIP San Isidro, de Neda, coa fin de mellorar a accesibilidade da primeira planta levarase a cabo a instalación dun ascensor. Actualmente o edificio está composto de dúas plantas, baixa e primeira, e a diferenza de cota entre a rúa e a planta baixa sálvase por medio dunha rampla. Segundo indicou a delegada territorial, o ascensor proxéctase fóra da envolvente actual do centro “debido á complexidade construtiva de introducilo polo interior do edificio xa que obrigaría a intervir na estrutura do inmoble coa apertura de ocos nos forxados e o consecuente reforzo dos mesmos e dos pórticos”. Neste caso, o importe da actuación ascende a algo máis de 59.000 euros e o prazo de execución dos traballos é de tres meses.

“Estes investimentos son un exemplo do compromiso da Xunta cunha educación pública de calidade que inclúe a mellora das instalacións coa fin de garantir que os escolares dispoñan duns espazos confortables, seguros e accesibles nos que desenvolver a súa aprendizaxe”, sinalou Aneiros.

Estas intervencións súmanse ás que se están executando nos CPI O Feal e CEIP A Gándara, ambos de Narón, onde se instalarán outros tres ascensores e están incluídas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está modernizando os centros de ensino, converténdoos en instalacións máis eficientes, sostibles e axustadas ás necesidades educativas actuais.

Data de actualización: 25/07/2023