A Xunta de Galicia entrega o selo de mercado excelente á praza de abastos de Pontedeume

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou esta mañá o mercado eumés, o primeiro da provincia en contar con este distintivo

Pontedeume (A Coruña), 24 de xullo de 2023

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, entregou hoxe o selo de Mercado Excelente á praza de abastos de Pontedeume, a primeira da provincia da Coruña en contar con este distintivo. Heredia destacou que á hora de conceder o recoñecemento se teñen en conta aspectos como a arquitectura e a accesibilidade, o compromiso co produto local, os servizos para a clientela ou a eficiencia enerxética, entre outros.

O mercado eumés, que foi froito dunha reforma integral que contou cunha achega da Xunta de Galicia de máis de 530.000 euros, ten un importante papel como motor do comercio local e parte do patrimonio e o atractivo turístico da localidade.

O impulso aos mercados de abastos é un dos eixos estratéxicos do apoio ao sector comercial da Consellería de Economía, Industria e Innovación, que este ano puxo en marcha unha convocatoria de axudas por 4,6 millóns de euros para o fomento dunha Rede de Mercados Excelentes de Galicia e a dinamización das prazas de abastos, destinada tanto a concellos como a asociacións profesionais de praceiros. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a convocatoria está pendente de resolución.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/07/2023