A Xunta adxudica por máis de 214.000 € a obra destinada á mellora da praza pública de Pacios, en Paradela

Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2023

A Xunta de Galicia adxudicou por máis de 214.000 euros a obra destinada á mellora da praza pública de Pacios, no concello lugués de Paradela, tal e como recolle o convenio asinado o pasado mes de marzo entre o Goberno autonómico e o Concello.

A actuación, que conta cun prazo de execución de 4 meses, ten como obxectivo mellorar a praza localizada diante da antiga casa do concello, un espazo con escaso equipamento urbano e fortemente delimitado polos peches das propiedades privadas.

Así, a obra consistirá, fundamentalmente, na pavimentación do solo con pedra, na reparación de sumidoiros e a incorporación de alumeado e mobiliario urbano, como bancos de pedra e papeleiras. 

Esta actuación acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Deste xeito, a Xunta financiará o 70% da obra e o concello asumirá o 30% restante.

Cómpre salientar que o Concello de Paradela xa se beneficiou nos últimos anos deste plan, que permitiu, por exemplo, humanizar e dotar de equipamento público por un importe de máis de 153.000 euros á rúa Galicia, á rúa da Escola e á rúa Cabaleiros de Santiago.

Data de actualización: 25/07/2023