Máis de 11.300 profesionais do Sergas poderán acceder a un novo grao de carreira profesional na convocatoria do ano 2023

Nesta convocatoria poderán acceder, por primeira vez, a carreira profesional o persoal residente en formación nos seus últimos anos de formación

Así mesmo, a convocatoria inclúe encadramentos excepcionais para acceso aos Graos I e II, e tamén para o acceso ordinario nos Graos I e IV

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2023 A Comisión de seguimento da carreira profesional do Servizo Galego de Saúde -e entidades adscritas- mantivo esta semana xunto cos sindicatos CIG, CSIF, SATSE e UGT, unha xuntanza na que se acadaron importantes acordos de cara á vindeira publicación da convocatoria sobre a carreira profesional do ano 2023, e pola que máis 11.300 profesionais do Sergas poderán solicitar un novo grao de carreira profesional.

Entre as novidades desta convocatoria, destaca que por primeira vez o persoal residente en formación poderán solicitar o acceso ao grao inicial nos últimos anos do seu período formativo; a convocatoria dun procedemento ordinario de acceso aos graos I a IV, e a tramitación dun procedemento extraordinario de acceso aos graos I e II (dirixido ao persoal estatutario temporal). O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro do 2023.

Acceso ao Grao Inicial por parte do persoal residente

O persoal residente en formación no Sergas (MIR, EIR; PIR; FIR...) poderán acceder, nos seus últimos anos de formación, ao grao inicial de carreira profesional. Deste xeito, anticípase o momento no que este persoal pode acceder ao Grao I pois, unha vez rematada a súa formación, non será preciso completar outros cinco anos no servizo para poder solicitalo.

Esta medida beneficiará a 243 profesionais, que poderán acceder ao Grao inicial en 2023, e ao Grao I no ano 2028, e que terá en conta as diferentes duracións do período formativo (2, 3, 4 ou 5 anos), para determinar o momento en que se poderá solicitar o grao inicial.

Procedemento ordinario de acceso aos graos I a IV

Outro apartado importante será a convocatoria ordinaria destinada ao acceso dos Graos I e IV da carreira profesional. Neste senso poderán solicitar o seguinte grao de carreira profesional preto de 3.000 traballadores do Sergas, dos que o 40 % son licenciados sanitarios, 41 % diplomados sanitarios e técnicos de FP, e 19 % son persoal de xestión e servizos. Sinalar, así mesmo, que o 90 % destes profesionais acceden ao Grao I. O pago do complemento de carreira que se recoñeza nesta convocatoria producirase con efectos do 1 de xaneiro de 2024.

Cómpre remarcar que o sistema de carreira profesional motiva aos profesionais a participar, ao longo da súa vida laboral, nos obxectivos da organización e a incrementar a súa cualificación e competencia, o que redunda na calidade asistencial e na mellora permanente das prestacións sanitarias públicas.

O baremo ordinario, que supón un importante cambio respecto ao que se aplica no réxime extraordinario, divídese en 4 grandes áreas, (área I: Actividade asistencial/profesional; área II, Competencias asistenciais/profesionais; área III, Formación, Docencia, Investigación e Innovación; e área IV, Implicación e compromiso coa organización).

Procedemento extraordinario inmediato dos grao I e II

No que atinxe ao encadramento excepcional no Grao II, poderán participar nesta convocatoria o persoal estatutario temporal que acadou o Grao I en 2022 e o persoal fixo que accedeu ao Grao I na convocatoria do ano 2018, pero que non puido solicitar o grao II na convocatoria do ano 2020, porque nos era persoal fixo, senón temporal, antes do 31 de decembro de 2011.

Esta medida beneficiará a preto de 8.000 profesionais, representando unha suba media do 12% nos salarios anuais, comezando esta incremento salarial progresivo en xaneiro do ano 2024.

Por outra banda, no referido ao acceso ao Grao I, poderán participar nesta convocatoria todos aqueles profesionais que non acadaron o devandito grao na convocatoria do ano 2022. Esta medida beneficiará a máis de 800 profesionais.

Data de actualización: 21/07/2023