O delegado territorial da Xunta supervisa as obras do instituto Xesús Ferro Couselo, nas que a Xunta inviste preto de 2,7 M€

As obras consisten na ampliación en altura do edificio, dotándoo dunha nova planta cunha superficie construída de 1080 m2 e unha planta baixocuberta para almacenaxe e instalacións de 270 m2

Gabriel Alén destacou que con esta actuación o Goberno galego vai dar resposta ao incremento continuado de alumnos que está a experimentar este instituto, sostido no tempo e que prevemos que se manteña para os próximos cursos

O delegado territorial lembrou tamén a execución da pista cuberta, na que a Xunta investiu 476.000 €

Ourense, 21 de xullo de 2023 O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou esta mañá as obras do instituto Xesús Ferrol Couselo, onde o Goberno galego está a investir preto de 2,7M€ na ampliación en altura do edificio, dotándoo dunha nova planta cunha superficie construída de 1080 m2 e unha planta baixocuberta para almacenaxe e instalacións de 270 m2 .

O delegado territorial explicou que con esta ampliación incrementarase o número de aulas, ampliaranse os espazos do comedor para satisfacer a demanda existente e redistribuirase o semisoto para albergar os aseos adaptados desta planta, entre outras melloras. Deste xeito, dotarase ao centro de maior número de espazos dadas a demanda crecente de escolarización.

A nova distribución seguirá un criterio similar ao existente: o núcleo de comunicacións e titorías mantense no centro e os espazos docentes nos laterais do edificio. Na zona oeste disporase a ‘sala foro’, un espazo diáfano e multiusos, onde a nova estrutura de cerchas quedará vista dando maior amplitude ao espazo; un aula de desdobre; un almacén e neste caso, para adaptarse á normativa de seguridade en caso de incendio, aparecen dos corredores diferenciados. Na zona este, distribuíse ao fondo dun corredor central un novo almacén; 5 novas aulas, cunha superficie aproximada de 60m2 como establece o novo Manual de Nova Arquitectura Pedagóxica e manterase a situación do núcleo de aseos.

Gabriel Alén engadiu que con estas actuacións tamén se lle dará cumprimento á  normativa antiincendios para a nova ocupación do edificio, dado o aumento de ocupación, as escaleiras interiores do edificio non bastan para a evacuación do mesmo en caso de incendio. É polo tanto necesario a execución de dos novos núcleos de escaleiras en cada un dos extremos do edificio.

En canto á ampliación do comedor, conectarase a zona actual da cafetaría cá aula existente no antigo soportal, tirando a separación existente entre ambas zonas, e adaptarase a zona da barra da cafetaría segundo a nova disposición .

Así mesmo estase a executar a redistribución do núcleo de aseos de planta semisoto para a creación de aseos adaptados e mellora da zona de vestiarios de persoal non docente, e ao mesmo tempo dotar ao centro de maior espazo de almacenaxe.

Con esta actuación o Goberno galego vai dar resposta ao incremento continuado de alumnos que está a experimentar este instituto, sostido no tempo e que prevemos que se manteña para os próximos cursos”, destacou Gabriel Alén. “Deste xeito, no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, continuamos a dar resposta ás necesidades de escolarización das zonas con maior demanda de prazas escolares”, engadiu.

Pista cuberta

Respecto da construción da pista cuberta, Gabriel Alén sinalou que co remate desta actuación, por un importe de 476.000€, acádase o obxectivo de ampliar a zona de uso exterior creando un espazo que se pode empregar en todo tipo de condicións meteorolóxicas xa que conta cunha superficie de 792,53 m² e un acceso, tamén protexido, de 161m².

O novo espazo consta dunha estrutura prefabricada de formigón, unha cuberta de paneis e un revestimento de chapa galvanizada perforada, que resgarda pero ao mesmo tempo permita o paso da luz.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/07/2023