A liña de autobús da Xunta que conecta Lalín e Silleda cos hospitais de Santiago terá desde este luns dúas novas paradas, en Boqueixón e en Vedra

O autobús parará en Lestedo e na Gándara, reforzándose deste xeito a atención das localidades intermedias nesta liña cara aos centros hospitalarios

A duración total da viaxe non se verá incrementada, xa que as novas paradas sitúanse no itinerario actual da liña

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2023 A liña de autobús que conecta Lalín e Silleda co Hospital Clínico de Santiago e co Hospital de Conxo disporá desde este luns día 24 de xullo de dúas novas paradas nos concellos de Boqueixón e de Vedra.

O autobús fará parada en Lestedo e na Gándara, reforzándose así a atención das localidades intermedias da liña Lalín-Hospital de Conxo, que se puxo en marcha o pasado luns día 17 para facilitar, principalmente, os desprazamentos ao traballo do persoal sanitario de Lalín e Silleda.

As novas paradas sitúanse no itinerario que vén realizando a liña  de autobús pola estrada N-525, polo que esta mellora no servizo non supón un aumento da duración total da viaxe para os usuarios, que se mantén en 1 hora e 10 minutos.

Coa ampliación destas dúas paradas, a Xunta deu resposta ás peticións trasladadas polos usuarios e polos Concellos de Boqueixón e de Vedra, garantindo así un mellor servizo cara a Santiago. 

Esta liña conta con 6 expedicións todos os días do ano, 3 de ida e 3 de volta, axustadas aos horarios de mañá, tarde e noite dos traballadores. Ao non variar a duración da viaxe, os servizos seguirán saíndo da estación de autobuses de Lalín ás 06,35, ás 13,35 e ás 20,35 horas. Para o regreso, os autobuses saen do Hospital de Conxo ás 08,15, ás 15,15 e ás 22,15 horas.

A medida aprobada responde ao compromiso continuo da Xunta de Galicia por mellorar os servizos de transporte público interurbano adaptándoos, na medida do posible, ás necesidades de mobilidade dos usuarios.

A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Data de actualización: 22/07/2023