O conselleiro do Mar visitou esta semana o observatorio submarino inaugurado en marzo no porto de Vigo

A Xunta e a Fundación Traslatio achegan o mar e o consumo de produtos pesqueiros á cidadanía con visitas ao Nautilus e talleres no Hidria Segundo

A Consellería do Mar colabora con esta entidade na difusión da importancia do sector e na inclusión dos peixes e mariscos na dieta a través de accións como a entrada ao visor submarino ou obradoiros a bordo do buque a vapor

As visitas e actividades de divulgación están a desenvolverse desde o pasado 16 de xuño e prolongaranse ata o vindeiro 30 de setembro
 

Vigo, 22 de xullo de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou esta semana o observatorio submarino Nautilus -instalado no porto de Vigo para coñecer a fauna e flora mariña existente na zona- onde destacou que a Xunta e a Fundación Traslatio colaboran para achegar o mar e promover o consumo de produtos pesqueiros entre a cidadanía tanto mediante as visitas a esta instalación pioneira como nos distintos obradoiros que se realizan a bordo do buque de vapor Hidria Segundo.

O titular de Mar, que estivo acompañado polo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, salientou a importancia de elementos como o Nautilus -inaugurado en marzo- para que o conxunto da sociedade teña un maior coñecemento sobre o medio mariño ou a relevancia dos talleres celebrados a bordo do Hidria Segundo para concienciar sobre a relevancia de manter hábitos de vida saudables.

O representante do Executivo galego explicou que a Consellería do Mar e a Fundación Traslatio buscan mobilizar o maior número de persoas para que coñezan os ecosistemas mariños do porto, as distintas especies e prácticas pesqueiras a través tanto das visitas guiadas ao observatorio submarino como dos obradoiros a bordo do buque a vapor, xestionadas ambas pola fundación.    

A colaboración entre as partes pretende mellorar o coñecemento xeral da sociedade sobre o mundo do mar e a comercialización das especies pesqueiras das rías galegas. Con ese fin programáronse xornadas de divulgación desde o 16 de xuño ata o vindeiro 30 de setembro. As visitas guiadas ao visor Nautilus duran media hora e son realizadas de forma gratuíta por grupos de entre 20 e 25 persoas, un aforo semellante ao dos talleres formativos a bordo do Hidria Segundo, que está atracado no peirao da Laxe.

Con estas accións formativas búscase fomentar o interese polo sector pesqueiro e que os asistentes teñan a oportunidade de entender a importancia desta actividade en Galicia. Ao mesmo tempo poden adquirir coñecementos para identificar as distintas especies de peixes e mariscos, promovendo a inclusión na súa dieta e contribuíndo desta forma á mellora da comercialización dos produtos do mar.

O titular de Mar destacou que é fundamental facer partícipe ao conxunto da sociedade de experiencias que antes só eran accesibles para a comunidade científica e puxo en valor que o Nautilus abre unha fiestra ao mundo mariño á que xa se achegaron máis de vinte mil visitantes de todas as idades.   

Portos vivos

Alfonso Villares destacou a oportunidade que supón para o conxunto da cidadanía o observatorio submarino posto en marcha pola Autoridade Portuaria de Vigo, que fai que a terminal viguesa sexa pioneira no ámbito da arquitectura sostible e verde buscando en todo momento integrar o porto coa cidade ao abeiro da estratexia de Crecemento Azul ou Blue Growth desenvolvida nos últimos anos.

O observatorio Nautilus ten 19 metros de longo e nos seus 300 metros cadrados de superficie inclúe tres pantaláns e dúas ramplas de acceso desde a rúa. O visor ábrese como unha fiestra aos fondos mariños que recrean hábitats naturais e que contan con cámaras de gravación submarina que captan imaxes 24 horas ao día. Este corredor flotante permite aos visitantes contemplar a flora e a fauna, tanto intermareal como submarina, da contorna portuaria.

O Hidria Segundo, pola súa parte, é un barco de vapor restaurado de máis de 30 metros de eslora que se construíu entre os anos 1963 e 1966. Propiedade nos seus inicios da empresa Aljibes de Vigo, tiña como misión principal levar auga ás embarcacións que chegaban a porto. Na actualidade, tras ser sometido a unha profunda restauración para mellorar o seu estado, opera como buque museo.      

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 22/07/2023