O presidente visitou as instalacións da escola infantil da Guarda, en Pontevedra

Rueda despide o curso nas escolas infantís da Xunta coa entrega de fotos e orlas para os nenos e as súas familias

Destaca que este servizo en Galicia, gratuíto para todos os nenos de 0 a 3 anos en todos os centros da comunidade, axudou a conciliar este ano a máis de 31.000 familias

A Guarda (Pontevedra), 21 de xullo de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, despediu esta mañá o curso nas escolas infantís da Xunta desde as instalacións da Guarda, en Pontevedra, coa entrega de fotos e orlas para os nenos e as súas familias. 

O titular do Goberno galego, que visitou a escola infantil acompañado da conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, agradeceu o labor dos profesionais docentes e a confianza das familias usuarias no servizo. 

Rueda destacou que as escolas infantís da Xunta, gratuítas para todos os nenos de 0 a 3 anos en todos os centros da comunidade, axudaron a conciliar este ano a máis de 31.000 familias. 

Este foi o primeiro curso escolar na escola infantil da Guarda logo da súa inauguración en setembro do 2022, un centro que ten capacidade para prestar servizo a 41 usuarios.

Durante a visita, Alfonso Rueda indicou a intención de seguir ampliando o número de prazas de educación infantil públicas coa apertura no vindeiro mes de setembro da nova escola infantil da Cidade da Xustiza de Vigo, que dispoñerá doutras tantas 41 prazas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/07/2023