O delegado da Xunta visita o campamento do museo de Belas Artes financiado pola Xunta para favorecer a conciliación e promover a igualdade

A Coruña, 21 de xullo de 2023

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o campamento cultural de conciliación gratuíto titulado Saíndo do Cadro que se celebra no Museo de Belas Artes. Os talleres son semanais, de martes a venres, en horario de 10:00 a 14:00 horas, impartidos desde o 19 de xullo ata o 2 de setembro de 2023.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades financia este campamento, en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para favorecer a conciliación das familias con menores de ata 12 anos de idade, desde un enfoque de igualdade entre mulleres e homes. 

En cada quenda semanal asisten un máximo de 20 participantes de idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos, acompañados por dous educadores organizados en pequenos grupos, traballo individual ou en gran grupo, favorecendo desta forma os procesos creativos e cooperativos.

Para a selección dos participantes teñen preferencia as familias monoparentais, vítimas de violencia de xénero ou outras formas de violencia contra a muller, mulleres en situación de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou calquera outra unidade familiar con necesidades en materia de coidados da infancia e mocidade.

Máis información na páxina web do museo: https://museobelasartescoruna.xunta.gal

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/07/2023